Estar por amais

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa DE ESGUELLO

RIBADAVIA

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

As dúas empezan por p. E cada vez parécense máis. Política e rabecha. Que o nivel de quen se dedican a iso do servizo público caeu en picado nas últimas décadas é algo tan evidente que dá medo. Pero se criamos que quen nos representan non podían sorprendernos é porque somos demasiado inocentes. Da situación do Concello de Ourense quítanse as ganas de falar, vendo como a cidade se vai desmontando, coma se fose un edificio en ruínas, comido polo tempo, a desidia e ata as silvas. Pero hai máis. Esta semana non se chegou a celebrar a reunión entre a alcaldesa e a tenente de alcaldesa de Ribadavia e o presidente da Deputación. A rexedora socialista denunciou que querían imporlle na reunión ao portavoz municipal do PP na capital do Ribeiro, ao que PSOE e Ribeiro en Común desaloxaron fai unhas semanas cunha moción de censura. En realidade, o popular ía participar como o que é, vicepresidente da Deputación (outra cousa é a vergüencita que dan eses cambios de cadeira de brazos, que non lles dá tempo a algúns nin a pasar 24 horas de frío).

Que non foi elegante nin empático convocalo á reunión, aínda que teña responsabilidades na materia? Seguramente. Que se cadra foi meter o dedo no ollo? Probablemente. Que unha representante institucional, que manifestou a súa preocupación porque o do PP fose a saír tamén na foto, non pode renunciar por unha cuestión de formas a un encontro no que ía pór sobre a mesa as necesidades de todos (ollo, de todos, voten a quen voten) os veciños de Ribadavia? Evidentemente. Sentarse a falar, pesáselle a quen lle pesase, ou ter rexeitado ao final da reunión a fotito, para deixar claro o malestar institucional, tería demostrado capacidade de estar por amais de certas cousas e, sobre, todo de estar ao lado dos seus veciños. Porque lembren, uns e outros, que a política non é un patio de colexio. Resulta que é unha cousa moi seria.