2000: Unha semana de actividades para os 30 anos da asociación Abrente de Ribadavia

La Voz

RIBADAVIA

Non dispoñible

Xesús Alonso Montero lembraba a historia da entidade e a realidade da capital do Ribeiro cando naceu o colectivo

23 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Coa descuberta dunha placa no edificio onde estivo a sede da asociación e cunha intensa xornada de actividades, que se pechou coa conferencia de Xesús Alonso Montero, remataba a semana na que a capital do Ribeiro celebraba os 30 anos da Asociación Cultural Abrente de Ribadavia. Centrou a súa intervención o profesor no que foi a asociación cultural para a capital do Ribeiro e para o teatro galego. Alonso Montero participou na xornada logo dunha intervención na que estiveron Nemesio Barxa e José Luis Chao, membro do colectivo homenaxeado e agora vencellado ao Centro de Estudios Medievais.

Montero falou da historia da desaparecida asociación Abrente, da súa importancia para a cultura de Ribadavia e o ambiente previo que crearon co seu traballo e as súas conversas, nos anos sesenta, Rubén García e Chucho Sánchez Orriols. Naquel 23 de maio do ano 2000 a conferencia do profesor foi «a guinda dunha tarde moi intensa que comezou ás sete co descubrimento da placa que dende o sábado se pode ver na rúa Progreso no edificio que un día foi sede do colectivo Abrente no corazón da parte nova da capital do Ribeiro».

Xesús Alonso Montero referiuse ao ambiente reivindicativo daqueles anos, onde se concentrarán episodios como as revoltas polo encoro de Castrelo de Miño ou a expulsión da vila dos chamados «tres curas» por referirse dende o púlpito aos problemas da xente do Ribeiro. 

Exposición no Etnolóxico

Non lle foron fáciles as cousas aos mozos de Abrente, xa que como lembrou o profesor «existía un muro de pedra e hostilidade» que separaba ao colectivo dunha parte importante dos veciños. Na actualidade, 20 anos despois, unha mostra do Museo Etnolóxico de Ribadavia lembra o legado da asociación.