Ourense acapara os Bacelos de Prata

La Voz OURENSE

RIBADAVIA

CEDIDA

A adega Solaina Minei, a estación de viticultura de Leiro e a IXP do Pan de Cea recibieron os galardóns

22 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A asociación Álvaro de Casas leva trece anos entregando os Premios Bacelos de Prata, cos que trata de promover o uso do galego nos produtos elaborados na nosa terra. Os galardóns deste ano 2019 foron entregados este sábado no Pazo de Ulloa en Esposende, Ribadavia, e, ademais de anfitrioa, a provincia de Ourense foi a que acaparou os recoñecementos. Dos catro premios, tres foron para entidades ourensás: a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), con sede en Leiro, a Indicación Xeográfica Protexida do Pan de Cea e máis a adega Solaina Minei, da denominación do Ribeiro. O outro galardón foi para a queixería coruñesa Bama.

No acto estivo presente o conselleiro de Medio Rural, o ourensán José González, que puxo en valor o sector agroalimentario galego, «que soubo conxugar os procesos tradicionais desde unha óptima innovadora, apostando por adaptarse ás necesidades e demandas nun mercado do mercado sen perder a esencia e a calidade». González insistiu, ademais, na necesidade de apostar polo I+D+i no medio rural para competir nun mercado que, segundo dixo, «cada vez é máis esixente».

Nesta liña, o conselleiro explicou que as empresas e entidades galardoadas cos Bacelos de Prada este ano amosan que «Galicia é unha comunidade de calidade máis que de cantidade». O representante do goberno autonómico animou aos presentes a seguir traballando na defensa da cultura e os produtos galegos.