Ribadavia acorda revisar o plan especial do seu centro histórico

La Voz OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Santi M. Amil

O Pepri é do ano 1999 e necesita unha actualización

30 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Ribadavia revisará o Plan Especial de Protección de Reforma Interior (Pepri) e a área de Rehabilitación Integral (ARI). A proposta, que presentou no último pleno Ribeiro en Común (RBC), saíu adiante. O alcalde, César Fernández (PP) considera que o Pepri, que é do ano 1999, si necesita unha actualización, aínda que talvez non unha revisión total do documento.

Esta foi unha das seis mocións que se debateron na sesión plenaria ordinaria do xoves. Todas as iniciativas, presentadas polos grupos da oposición, recibiron luz verde do goberno local. Entre elas as mocións, de RBC e PSOE, para que se reforce o servizo de pediatría e cúbrase a vacante de psicólogo no centro de saúde.

Entre as mocións figuraba unha do grupo socialista para repor os paneis informativos dos monumentos e dos lugares emblemáticos do municipio. Ribeiro en Común solicitou un plan de recuperación e limpeza dos ríos Avia, Miño, Outeiro, Cerves e Maquiáns/Veronza e das súas ribeiras. O mesmo grupo reclamou que o Concello sexa transparente nas adxudicacións e control das obras públicas nas que participa. Mesmo se aprobou unha moción, do BNG, para estudar a elaboración dunha ordenanza fiscal para establecer unha taxa polo uso do dominio público local ás plataformas de comercio electrónico.