Ribadavia dotará dunha caldeira de biomasa ao colexio rural agrupado de Sampaio

La Voz 0URENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Santi M. Amil

O acordo foi adoptado no pleno da corporación municipal

16 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Ribadavia dotará dunha caldeira de biomasa as instalacións do CRA (Centro Rural Agrupado) Amencer de Sampaio. O proxecto suporá un investimento de 15.578 euros, dos cales a administración local achegará 6.213 euros e o resto serán asumidos pola Xunta, desde o Instituto Enerxético de Galicia. O acordo foi adoptado nun pleno extraordinario e o rexedor municipal, César Fernández Gil, incidiu no feito de que esta actuación se sumará ás iniciativas desenvolvidas neste lugar ao longo do actual mandato. No CRA Amencer acometéronse «unhas obras que nos permitiron habilitar un novo espazo na planta superior para ampliación da biblioteca e

creación dunha nova aula de servizos múltiples, e a colocación dun novo chan de tarima en todo o centro escolar». Na sesión plenaria acordouse a adhesión do Concello de Ribadavia «á Medida 3 do acordo da Comisión de Goberno para Asuntos Económicos sobre agrupación de préstamos formalizados ao abeiro dos plans de axuste aos que se acolleu o Concello en 2013».

Demandas de PSOE e BNG

Desde a oposición o PSOE solicitou a creación dun Consello Municipal de Música e a reactivación do Consello de Cultura de Ribadavia. O BNG, pola súa banda, emprazou ao actual grupo de goberno a retomar a xestión referida ás fundacións, solicitando que se convoque reunión dos padroados da do Asilo e a do balneario de Prexigueiro.