Ramirás deixará de cobrar o recibo da auga ata que baixe o arsénico

La Voz OURENSE / LA VOZ

RAMIRÁS

De momento o Concello segue fornecéndose con auga potable a través de cisternas, aínda que o custo previsto con este método é de 60.000 euros

27 sep 2019 . Actualizado ás 08:18 h.

A situación da subministración de auga potable no concello de Ramirás saíu a debate no pleno celebrado este mes, de carácter extraordinario. O problema da presenza de arsénico na auga da traída municipal non é novo e volveu aparecer este verán, coincidindo coa baixada de caudal na presa do río Tuño, onde se toma. Desde que soubo, en agosto, que volvía haber niveis non aconsellables de arsénico, o Concello tomou medidas. A solución temporal adoptada polo goberno que preside a socialista Isabel Gil foi comprar cisternas de auga potable -catro diariamente, precisou a rexedora- para envorcalas na ETAP. O PP pediu nunha moción que se adoptase esta solución e que non se cobre o recibo da auga aos veciños este semestre. A moción saíu adiante cos votos de PP e do BNG. O PSOE goberna en minoría. Gil apuntou que prevé un gasto de 60.000 euros na compra de auga potable.

Tamén se debateu sobre o uso do local social da Facha. O PP criticou que se metese alí a brigada de incendios. A alcaldesa dixo que só pasan a noite unha vez ao mes e que previamente se consultou coas veciñas que o usan. Acordaron buscar un lugar mellor para a brigada.