O novo centro de saúde de Paderne de Allariz abrirá a próxima semana

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

PADERNE DE ALLARIZ

Santi M. Amil

O vello consultorio médico da localidade tiña importantes deficiencias

06 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A pandemia polo covid-19 atrasou case un ano as obras do novo centro de saúde do concello de Paderne de Allariz. Este luns, cos traballos case rematados, a nova infraestrutura sanitaria foi visitada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que estivo acompañado, entre outras persoas, polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde da localidade, José Manuel Fernández Gómez.

«O rural debe ter unha atención sanitaria de calidade e para que iso sexa un feito os poderes públicos teñen a obriga de pór todos os medios a disposición tanto dos sanitarios como dos nosos veciños. Despois de soportar durante demasiados anos as carencias do vello consultorio médico podemos dicir que esta data pasará a formar parte da historia de Paderne», afirmou o rexedor. Aínda que o acto deste luns foi de inauguración, as portas do novo centro de saúde aínda non se abrirán, xa que hai que facer algúns axustes para que as instalacións poidan empezar a funcionar de forma operativa. O alcalde sinalaba este luns que agarda que antes dunha semana estea aberto. «Síntome moi orgulloso porque me tocase como alcalde participar neste evento. É un soño pór a disposición dos veciños unhas instalacións como estas que suporán un incremento da calidade de vida de todos nós. Non quero esquecer ós nosos sanitarios que soportaron e sufriron estoicamente as incomodidades do vello consultorio. Grazas por voso esforzo e dedicación», sinalou José Manuel Fernández Gómez.

Pola súa banda, Alberto Núñez Feijoo relatou que é unha honra entregar ao patrimonio da sanidade pública de Ourense e ao concello o novo centro de saúde e referiuse aos investimentos da Xunta no rural galego. Feijoo explicou que co obxectivo de continuar coa aposta pola atención primaria, a Xunta incrementou un 108 % as partidas nos orzamentos para este ano. Indicou que na provincia de Ourense hai oito centros de saúde en contrucción ou reforma. E sinalou que se prevé nesta lexislatura ter abertos, entre outros, os de Rairiz de Veiga, Castro Caldelas, O Bolo, O Carballiño ou Castrelo de Miño.

Sobre os tres centros hospitalarios ourensáns, o presidente da Xunta lembrou que no hospital comarcal de Valdeorras realízanse obras en consultas externas e que se licitará por 1,4 millóns de euros a reforma do hospital de día, a farmacia e a zona de cirurxía ambulatoria. Sobre o hospital comarcal de Verín, referiuse ao proxecto de reforma de urxencias, por 2,4 millóns. «E neste mesmo mes de abril presentaremos un novo edificio do Hospital Universitario de Ourense para seguir coa súa ampliación», engadiu Alberto Núñez Feijoo.