Premiada a investigación dunha ourensá no Congreso Mundial da auga

La Voz OURENSE

OURENSE CIDADE

Duvi

A profesora Laura Movilla, da área de Dereito Internacional Público da Universidade de Vigo, recolleu o galardón en Corea do Sur

01 dic 2021 . Actualizado ás 14:19 h.

Corea do Sur acolle ata o venres o Congreso Mundial da auga, que organiza a asociación académica de referencia internacional en recursos hídricos, a International Water Resources Association (IWRA). Laura Movilla, profesora da área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, acaba de recoller un premio no marco desta cita anual. Trátase do Water Drop Award, un galardón que recoñece a mozos profesionais que teñan conseguido facer unha contribución innovadora no sector da auga. No caso de Movilla, premian unha das súas últimas investigacións, sobre a gobernanza internacional dos acuíferos transfronteirizos. «É unha satisfacción moi grande, xa que recoñece un traballo desenvolto durante máis de dez anos e no eido no que me iniciei na carreira investigadora, na gobernanza dos problemas ambientais globais», explica. «Estímase que as augas subterráneas representan arredor do 97 % da auga doce do planeta e son fundamentais para o abastecemento», lembra a docente especializada en Dereito Internacional do Medio Ambiente. Ela é a primeira española que acada un galardón outorgado pola IWRA.