Ruína ou desesperación

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa DE ESGUELLO

OURENSE CIDADE

01 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Aveces un ten impresións que quedan niso, nunha sensación, nun pálpito. E outras veces veñen os datos a confirmar esas impresións, coma se o que escribiras con lapis, apenas un borrador, tiveses que repasalo agora cun bolígrafo vermello, como cando eras pequeno e estreábasche coa tinta.

Algo así ocorre co último informe do Instituto de Medicina Legal de Galicia en Ourense. Aquilo que moitos pensamos nos últimos tempos -jo, suicidouse outra persoa- pálpase máis aló dos casos particulares e fainos chocar de fronte cunha realidade: este ano os suicidios multiplicaron por catro as mortes en accidente de tráfico en Ourense.

Hai traxedia detrás de cada persoa que perde a vida. Agora estás aquí e, en apenas uns minutos, podes non estar. É o pavor dos accidentes de tráfico, que che deixan tremendo porque es capaz de pórche no lugar da vítima... como o dese matrimonio de Navarra que perdeu a vida, mentres a salvaban os seus fillos. Pénsalo e mórresche, pero de medo.

Talvez parte da problemática do suicidio é que nos custa máis pórnos no lugar da vítima. Porque aínda que teñamos avanzado segue habendo unha pátina de vergoña, de pudor, de culpabilidade que deixa en parte oculto un problema de saúde que debería mobilizarnos tanto como outros. «É importante que todos os pacientes con sintomatología depresiva, ideas de ruína ou desesperanza cónteno». Dino os médicos que tiveron que certificar 23 mortes por suicidio este ano.