As nosas Superligas

Maite Rodríguez Vázquez
Maite Rodríguez O ÁBACO

OURENSE CIDADE

20 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O poder do fútbol. Florentino Pérez apropiouse do debate público desde que o domingo se anunciase a creación da Superliga europea, con el como presidente. A súa veciña Ayuso, que estaba como peixe na auga sendo protagonista da conversación nacional coas súas eleccións autonómicas, tomouse un respiro ou se estará tirando dos pelos por non ter tido antes esa idea tan liberal? Se ese tipo de deporte xa quedaba lonxe aos ourensáns, agora máis. Sen pólo tan negro sobre branco nin con presentacións públicas como esta, xa sufrimos en Ourense as consecuencias de non poder entrar neses clubs de ricos. Lembremos o que lle fixeron ao COB co seu último ascenso á ACB, outra liga que soñaba con estar pechada, con clubs potentes e non periféricos e pobres como Ourense.

Pero decidan o que decidan, iso só poderemos velo por televisión, salvo que algún amigo ricachón ou con intereses por facernos un favor regálenos unha entrada para ver un deses partidos. As nosas superligas son outras. A que quere xogar o Aceites Abril de voleibol feminino se gaña a fase de ascenso esta fin de semana. A que aspira a xogar Carmelitas se sobe a unha Liga Feminina 2, onde comezou a súa carreira semiprofesional a drafteada Raquel Carreira, e as que cada fin de semana xogan os nosos equipos de fútbol, agora en Terceira División no Couto ou Espiñedo. Pero que tampouco se sintan ofendidas federacións e organizacións supranacionales do fútbol por esta Superliga. O que lles doe é o diñeiro, non o xogo.