O Ourense Atletismo logra o terceiro lugar no galego de clubs do Barco

m. rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Santi M. Amil

O ADAS rendeu unha emotiva homenaxe a Luis Nogueira

18 abr 2021 . Actualizado ás 18:56 h.

O estadio valdeorrés de Calabagueiros centrou a atención dos equipos galegos de atletismo, que acudiron este sábado a disputar o Campionato Galego de clubs, que o ano pasado non se puido celebrar debido á situación sanitaria. Os atletas ourensáns conseguiron podios e, a nivel colectivo, destacou o terceiro posto conseguido polo equipo feminino do Ourense Atletismo.

Nunha disputada loita final, o equipo ourensán mesmo adiantou ao Ría de Ferrol, que era o defensor do título. Edymar Brea, vencedora da proba final do 3.000 feminino, foi clave para sumar os últimos puntos que apontoaron ese meritorio terceiro posto do equipo.

En categoría feminina, proclamouse campión o Celta , con 110.5 puntos, seguido do Ximnástica de Pontevedra, con 108, e do Ourense, con 87.

O ADAS Proinor, organizador do campionato que se celebrou en memoria do malogrado Luis Nogueira, e que tiña seis baixas importantes, foi sexto na categoría feminina, con 75 puntos. O acto de homenaxe ao querido atleta local foi breve pero emocionante, antes da proba de xavelina. O club agradeceu a colaboración do Concello, voluntarios, ambulancias e Centro de Deportes Barco para que todo saíse ben e cumprindo horarios. Luis Nogueira foi nomeado atleta exemplar do club.

O Ourense presentou un equipo moi novo, con moitas nenas de categoría cadete ou xuvenil, que logaron marcas persoais en varias probas, e reforzouse co Atletismo Estrada. A nivel individual, gañaron os seus respetivas probas Carmen Escariz (5.000 marchas) e Branca Pereira en martelo, disciplina na que Adriana Reguera (ADAS) foi terceira. Destacaron, ademais, os segundos postos de Begoña Domínguez (Ourense) en 3.000 obstáculos, de Manuela Blanco (Ourense) en pértega e África Gómez, nos 200 metros lisos.

Na categoría masculina, o Ourense Atletismo foi sétimo e a suma total dos dous equipos que presentou permite ao club ser segundo na clasificación conxunta. Desde o club confirmaron que esta boa actuación e a suma de puntos conseguida no galego levaranlles a presentarse á xornada de Segunda División Nacional de clubs.

ADAS

Polo equipo local, Belén García conseguiu gañar a carreira dos 400 valos, e María Fernández Bouza, os 400 lisos; Lola Bouza impúxose con autoridade na pértega (3,30); Aldara Basteiro logrou un bronce en salto de altura. Tania Valverde tamén conseguiu terceiro posto en triplo salto. Inés Docampo obtivo o terceiro posto e María Bouzas foi segunda en 100 valos. Algunhas atletas locais lograron mellores marcas a pesar de estar en abril.

Volveu correr na súa terra, na pista en que se iniciou a valdeorresa Eva Arias. Coa elástica da Ximnástica de Pontevedra, a veterana atleta conseguiu o triunfo na carreira de 1.500 metros ; José Fernández Nieves disputou a marcha co Celta .

Na categoría masculina, a Ximnástica revalidou o seu título de campión galego conseguido no 2019, con 132 puntos polos 118 que sumou o Celta , segundo que aspiraba a conseguir ese cetro.