O campamento

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa DE ESGUELLO

OURENSE CIDADE

28 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

As miñas fillas -que teñen a teoría de que deberían ser os nenos os que gobernasen porque creen que resolverían os problemas moito máis rápido que os adultos- están moi pendentes de todas as novidades acerca do futuro parque acuático de Ourense. Saben que o prometeu o señor que estaba cun robot no Paseo durante a pasada campaña electoral. E tamén que o anunciou o que manda en Galicia. A partir de aí, o único que lles preocupa é que, sexa cal for, estea listo canto antes.

A verdade é que, coa pandemia ao lombo, un aquapark en Pereiro de Aguiar soa tan ben como Disneylandia. Poucas cousas poden xerar máis sensación de liberdade, agora que non a temos, que deslizarse por un tobogán xigante a toda velocidade e zambullirse na auga para despois saír dun salto da piscina. E respirar. A respirar iamos moitas veces a Monterrei cando era pequena e alí non había nin valos nin complexo deportivo, só pedras, terra, piñas e moitos paus para xogar. Nunca preguntei por que na nosa casa chamabámolo o campamento. Pero lembro á perfección subirnos ao Seat 131 vermellos, entusiasmados, cando o meu pai anunciaba o plan: «Imos ao campamento». Aquilo significaba correr entre os piñeiros, escalar rocas que parecían montañas, pórnos un pequeno tronco aos ombros para camiñar, percorrer un circuíto de tocones de madeira... Aquilo significaba unha mañá (ou unha tarde) de aventuras.

Agora que as fotos daqueles días están amarelas, son as miñas fillas as que collen paus e as que se soben ás pedras de Monterrei, que resultaron non ser tan grandes. E mentres alí moven terra para facer realidade unha promesa electoral doume conta de que, ás veces, a virtude pode estar en converter un monte -no meu caso, aquel campamento que anos máis tarde descubrín que se chamaba Monterrei- nun parque de atraccións. Non fai falta máis.