Juanjo Otero, arquitecto: «A arquitectura sustentable é a que máis nos vencella coa contorna»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Santi M. Amil

Otero inclínase polo uso de materiais tradicionais e o máis naturais posibles polo menor custo enerxético

01 mares 2021 . Actualizado ás 00:13 h.

Xunto cos seus socios, o arquitecto Juanjo Otero (1977) dirixe o estudo MOL Arquitectura en Ourense. Son referencia en eficiencia enerxética e económica en cada un dos seus proxectos. Pero a sustentabilidade vai moito máis aló tal e como contou a pasada semana no programa Ecovoz de RadioVoz.

-Por que esa inclinación polo máis sustentable?

-Porque é case o único camiño que nos queda. No noso caso, desde MOL Arquitectura, xa nos nosos comezos -alá polo ano 2002-, sempre apostamos por este tipo de arquitectura porque ademais é a que máis nos vencella coa propia contorna, cos ecosistemas construtivos e coa tradición local. Así que digamos que, ao marxe de cuestións económicas, é un tipo de arquitectura que, a nivel cultural, enlaza con calquera tipo de entorno. É case un tipo de mecanismo de adaptación ao medio.

-Facer esa aposta tan clara, que implica?

-Pois, fundamentalmente, son varios parámetros. Por exemplo, utilizar sistemas construtivos e materiais de proximidade. Pero no noso caso tamén é, en moitas ocasións, recuperar artesanía e oficios que se foron deixando e perdendo. É dicir, recuperacións nas que se volve a traballar en carpinterías de madeira con artesáns locais. Estamos facendo tamén algún proxecto empregando muros de tapial ou de adobe.

-E en canto aos materiais?

-Tamén se trata de volver aos tradicionais. Canto menos procesamento e canto máis natural sexa un produto, menor custo enerxético ten. Por exemplo, estamos incorporando a cortiza como illamento natural ou a madeira unicamente aplicándolle un aceite natural ou ceras ecolóxicas. E o mesmo con moitos illamentos derivados de produtos naturais como son a fibra de madeira que procede da propia industria forestal, por exemplo. En definitiva, falamos de produtos que están na nosa contorna e que son totalmente ecolóxicos. Por último, tamén é importante o concepto de recorrer a artesáns e oficios de proximidade. Entre outras cousas, tratamos de fixar poboación. Nós traballamos fundamentalmente en áreas rurais, en pequenos núcleos de poboación, onde tamén o de facer comunidade considerase un punto estratéxico para a nosa arquitectura.

-Menciona a madeira. Que vantaxes presenta?

-Hoxe en día, afortunadamente, temos sistemas construtivos e melloras na madeira que fan que a súa durabilidade sexa incuestionable. No noso caso, coa madeira tratada en autoclan, pero fundamentalmente, coa termotratada, cun único tratamento térmico que mineraliza a táboa, pero permite que o seu comportamento ante a intemperie sexa fabuloso. Todo isto fai que este material sexa case o noso fetiche. En ocasións, tamén utilizamos a madeira acetilada que a nivel de durabilidade ten unhas prestacións marabillosas.

«A madeira hoxe en día, sobre todo a nivel estrutural, é un material fantástico»  

No capítulo de distincións, destaca a mención recibida nos Premios de Arquitectura 2020 da Xunta na modalidade de sustentabilidade por unha obra en Anguía (Castrelo de Miño). Ademais, recentemente tamén lograron o Premio galego de Rehabilitación 2020 pola reconstrución dunha vivenda afectada polo lume en Saa.

-En que outras iniciativas están traballando?

-Fomos constituíntes da Fundación Arume que pretende o desenvolvemento de toda a cadea forestal relacionada co campo galego, tamén desde a parte da silvicultura. Digamos que abrangue todas as fases do proceso forestal. Foi unha das iniciativas máis interesantes que fixemos e creo que, no futuro, vai permitir que certas áreas rurais continúe sendo motor produtivo. Ademais, a madeira hoxe en día, fundamentalmente a nivel estrutural, é un material fantástico. En Galicia temos unha fábrica de CLT, que son paneis estruturais de madeira, e nós esperamos, con un dos nosos proxectos, ser dos primeiros en empregalas. E tamén estamos nunha iniciativa pioneira, un proxecto LIFE europeo, para utilizar unha estrutura nunha bodega ecolóxica que estamos facendo en Ribadavia. É proxecto coas celas EcoTimberCell, un sistema baseado na madeira, pero optimizado a nivel de emprego de cantidade.