Parte do comercio axusta o horario para contrarrestar o peche ás seis

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Miguel Villar

No centro da capital moitos negocios anticipan a apertura a 16.00 horas

27 ene 2021 . Actualizado ás 20:13 h.

Ás seis da tarde deste mércores soaron as campás da catedral e as persianas das tendas da cidade ao unísono. Cinco minutos antes, algúns comerciantes xa saían á porta para comprobar mirando ao carón e a outros que si, que as restricións pola situación pandémica empezaban para eles. Con este panorama, e máis por buscar saídas que por convicción empresarial, algúns comercios do centro decidiron alongar o horario de mañá ata as 14.00 horas e anticipar o da tarde, abrindo ás 16.00 horas, descartando o comercio local, non así as franquías, o horario continuo.

Miguel Villar

«Ao mediodía nunca hai ninguén. Cando abrimos por primeira vez fixémolo e xa nos demos conta que de dúas a catro da tarde non había xente», explica Marga Sánchez, de Mandarina Home. «Co peche á seis, para nós é basicamente unha tarde perdida. A nosa clientela empeza a saír entre esa hora e as sete e media», engade.

«Agora estamos en horario partido pero pensando en abrir só pola mañá, ata as 14.30 horas, e pola tarde con cita previa», di Carmen González Pérez, da zapatería Equipee. «Temos moitos clientes que son pais dos colexios próximos e os nenos saen ás dúas. Así que pensamos que se compran algo, será nese momento. Agora non vén ninguén, non hai ninguén na rúa», di ás cinco da tarde. E sobre a restrición afirma: «Acatámola. Creo que todos temos parte de responsabilidade, non podemos botarlle sempre a culpa aos demais». Carlos González, da tenda de roupa masculina Bettega, é un dos comerciantes que decidiu axustar os seus horarios: «Facémolo con resignación e agardando que sexa suficiente, aínda que eu son partidario dun confinamento total para baixar a incidencia. Imaxínome que de 4 a 6 da tarde non imos ter a ninguén. No momento que a hostalería pechou, ao comercio baixoulle a caixa máis da metade. Cando en Nadal abriron os bares e restaurantes, nós notámolo». E relata que cando pecharon a medias as cafeterías, a partir das seis da tarde xa non había case xente pola rúa e que agora é moito peor.

Entón, por que abre? É claro: «Para probar, pero sabemos que non imos ter nada. Facémolo por motivos de imaxe e porque toda a rúa [Santo Domingo] abre. Barallouse facelo de forma continua, como no centro comercial, pero ese sistema aquí non funciona». Tras o pequeno empuxón do Nadal, a costa de xaneiro é máis dura que nunca: «Podemos dicir que puidemos baixar, como mínimo e todos, un 50 % en vendas; e co peche da hotelería, isto vai chegar ao 60 ou o 70 % de perdas».

Miguel Villar

Marta Cacharrón, da tenda de produtos para bebé Cacharrón, tamén axustou os horarios: «Hai que estar coa mellor disposición posible, animarse e ser positivo, pensar que isto vai ter un fin». Sinala que no seu caso a resposta dos clientes foi especial: «Hoxe ata me sorprendín, porque recibín moitas chamadas de teléfono preguntando polos novos horarios», engade. En Mayna, Tati Garrido teno claro: «Canto máis tempo abras, mellor, e nesta cidade o horario continuo non funciona, así que non nos queda máis que adaptarnos. Está claro que hai menos xente que antes, teñen medo á pandemia, é normal, e terán que acostumarse aos poucos. Levámolo duramente, dando pasos cara adiante e atrás»

Angélica Rodríguez, de Angélica Moda, é o verso solto. Ela apostou fai sete anos polas redes sociais e, afirma, o traballo constante fixo posible que o seu negocio teña crecido este ano. Envía gratis a todo Ourense os seus produtos e ten unha clientela fiel. «Seguimos traballando moito de forma virtual e cada día crecemos. A nós o horario non nos prexudica tanto. Pechamos a tenda ao público pero seguimos traballando dentro», subliña.

«O parón da hostalería aféctanos e é coma se nós tamén pechásemos»

Todos os comerciantes apuntan que dependen en boa medida da hostalería. Que o seu peche supuxo unha diminución importante de clientela. «Son unhas restricións moi duras. O parón da hostalería aféctanos e é coma se nós tamén pechásemos. Este primeiro día foi fatal para min e témome que vai ser así durante todo o tempo que estean pechados os bares e restaurantes», di Isabel Pico, de Inicial P, na rúa do Paseo. Para ela, esta nova situación é como un confinamento domiciliario encuberto. «Non compensa para nada, para min é como a primeira vez, coma se encerráronme na miña casa e non me deixasen saír. Pero coa diferenza que da outra forma tiñamos máis axudas que agora. Temos que pagar luz, alugueiros... Antes aínda negociabas co dono do local. Agora, nesta situación, vaime dicir que estou aberta», relata. E fala da roda na que está metida a sociedade ourensá e que afecta dunha ou outro xeito a todos: «A maioría somos pequenos comercios. Se o teu veciño che compraba porque vendía, agora que non o fai... Non fai negocio e o resto tampouco. É un situación caótica».

Con todo, non é partidaria de pechar todo como coa primeira onda: « Que pasa coa economía? A saúde é importantísima, pero se vou ter que estar a pedir para comer, non me compensa... Que fagan o que teñan que facer pero isto é insoportable. Para eles, os que deciden, é doado, porque seguen cobrando igual. Poden falar de confinamento total, pero que pasa cos que temos pequenos negocios, cos hostaleiros... Isto é tremendo».