Nos ximnasios: «Púxosenos a puntilla e agora o tiro de graza»

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Santi M. Amil

Os profesionais creen que os centros deportivos deberían seguir abertos

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Como outros moitos profesionais, este mércores pechan as portas dos seus negocios polas novas restricións impostas pola pandemia do covid. Tocados desde o inicio da crise sanitaria, os propietarios dos ximnasios sobreviviron ao 2020 con alumnos por clase reducidas ao mínimo e investimentos en artigos desinfectantes e de protección. Defenden os seus establecementos como lugares libres de covid desde o inicio da pandemia e aseguran que son necesarios para a saúde fisica e mental dos ourensáns.

«Os ximnasios non son lugares de contaxio. Pechalos é unha erro porque estamos a falar de saúde. Axuda ao corpo a manter o seu sistema inmune; é un absurdo», afirma Puri Fuentefría, propietaria de Global Fitness. «O ximnasio é un lugar para socializar. E é bo para mente e corpo. A xente quere seguir facendo deporte, está cansa e necesita desconectar», engade. No seu caso, e aínda que asegura que non é o mesmo, apostou polas clases virtuais que ofreceu, entre outros, aos alumnos da Universidade Popular do Concello de Ourense. Unha alternativa ao peche completo e unha chiscadela aos socios que non suple as graves perdas que supón o peche do negocio.

Aaron Blanco , do ximnasio Artai opina do mesmo xeito en canto á seguridade nos ximnasios: «No noso caso cumprimos todos os protocolos e algún máis que non é obrigatorio, con controis de entrada e saída, de temperatura, de capacidade ata límites insospeitados, porque catro persoas por aula é inviable a nivel económico e social. Non temos nin tivemos ningún caso positivo nin nada polo estilo en ningún dos dous centros cos que contamos. Cumprimos a machada todo, a inmensa maioría dos compañeiros tamén, e agora mesmo puxéronnos no punto de mira e disparáronnos», explica contrariado. E tamén alude a temas de saúde. «Levamos tempo reivindicando que non se trate como obxecto de luxo senón como un ben social e un tema sanitario. Somos un centro de saúde. O negocio asumiu un incremento dos gastos considerable co tema de xeles hidroalcohólicos, de limpeza,... Toureamos coa crispación e co medo e traballamos por baixo do que debiamos. Púxosenos a puntilla e agora o tiro de graza», critica. En Artai seguirán ofrecendo clases telemáticas, pero non tanto por convicción como por, sinala, unha concepción social do seu negocio.

Mercedes García está a cargo de The Gallery Gim: «As últimas semanas foron difíciles, do mesmo xeito que os últimos meses, porque a xente ten medo e moitos clientes non regresaron cando volvemos abrir as portas no verán». A propietaria deste ximnasio ourensán coincide no tema de contagios cero. «Non houbo foco de contagios, ningún empregado nin ningún cliente hase contaxiado. O noso ximnasio é moi amplo con salas grandes e clases dirixidas con distancias de seguridade, sempre coa máscara. E temos xeles por todo o local». E defende, tamén, a importancia destes centros para a saúde: «Moitos clientes hanme preguntado que como van facer porque necesitan vir por temas de rehabilitación ou mesmo para desconectar. Para moita xente vir ao ximnasio é a única actividade física que fan ao día».

Neste caso, decidiu que non realizarán clases telemáticas, que pecharán todas as portas do negocio. « Afrontamos o futuro con cero ingresos e os mesmos gastos que tiñamos antes. No primeiro peche conxelamos as cotas de todos os clientes, non perderon un día do seu abono por se non podían ou logo non querían volver por medo. Agora faremos o mesmo, non queremos que eles se vexan máis prexudicados», relata.

«As instalacións de adestramento deportivo e os ximnasios son centros de saúde»

Iván Rodríguez é adestrador persoal e dietista e traballa nun ximnasio na cidade. «Son lugares nos que se demostrou, con informes, que houbo pouca incidencia do covid», afirma. E defende a súa apertura como indispensable para a saúde. «As instalacións de adestramento deportivo e os ximnasios son centros de saúde, considéroos así. Hai xente que vén con certos problemas, que acode aquí para recuperarse e mellorar o seu estado de forma fisica e mental. Vímolo o ano pasado tras o primeiro confinamento; había persoas maiores que ás que lle resultaba difícil manter unha actividade fisica de calidade. Comprobamos constantemente que o exercicio evita, entre outras cousas, problemas de hipertensión, de colesterol, axuda á capacidade cardio respiratoria. E se iso xuntámolo co covid, sábese que as persoas que están en mellores condicións físicas teñen menos risco de ter peores síntomas», engade. Iván Rodríguez sinala que, ademais de ser un problema profesional, o é de saúde e non aconsella no seu caso, como adestrador persoal, as clases virtuais: «É complicado facer cases en liña. Para poder facer un seguimento de calidade, como facemos, necesítase un espazo especial e material indicado, senón pode ser peor para o usuario».