«O mellor de rehabilitar é que partes dunha construción con historia»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE CIDADE

Santi M. Amil

O arquitecto Pablo López Prol afirma que a pandemia incrementou ata nun 70 % o interese por vivendas no rural

10 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O arquitecto Pablo López Prol (Ourense, 1985) é a metade do estudo PLP Atelier. Nel traballa xunto ao aparellador Diego Rodríguez (México, 1985) -a outra metade-. Desde que abriron o estudo, no 2013, non pararon de rodar. A súa forma de traballar é rigorosa, detallista, sempre adaptándose ao soño xeral do cliente, grazas ao estudo e a investigación de novas opcións. Fano tanto en proxectos privados como públicos. PLP Atelier asina a recentemente rematada rehabilitación de tres antigas construcións en Castromao (Celanova), dando como resultado unha espectacular vivenda, protagonista no último número da revista Vivir no campo. Pero tamén está detrás da rehabilitación de vivendas en Parada de Sil. Un proxecto que recibiu o Premio á Dinamización Demográfica da Xunta no 2020 e que están a piques de rematar.

-A rehabilitación en Castromao foi todo un éxito.

-Si, estamos moi contentos. A intervención consistiu en unir tres antigas construcións (antigas palleiras onde a planta baixa eran as cortes para os animais). Modificamos todo o necesario para facela habitable hoxe en día, con Internet, electrodomésticos... pero sen desfacernos da súa esencia. Xogamos a mesturar o antigo co novo, é algo que nos encanta.

-En Parada, cun edificio en ruínas obterán cinco novas vivendas, unha proxecto pensado para fixar poboación.

-É algo similar ao que había nas cidades cos pisos de protección oficial, pero dándolle unha volta de porca. Como os pisos non deixan de ser propiedade do Concello, o inquilino non pode vendelo nin sacar beneficio, por iso creo que é algo que pode funcionar. Hoxe en día é posible traballar desde casa, -fíxache na situación que estamos a vivir-, e neste proxecto cada vivenda conta mesmo coa súa propia horta. Creo que é unha gran oportunidade e que pode motivar a moita xente a trasladarse ao rural.

-Precisamente o confinamento puxo en valor o rural.

-Sin duda, chamounos moitísima xente tanto para rehabilitar unha casa antiga como para facerse unha nunha parcela que xa tiñan no rural. Antes custaba máis darlle valor a unha construción herdada no pobo e agora o que se busca é sacarlle partido. Por mor da pandemia se incrementou o interese por este tipo de vivendas ata nun 70 %. A xente estase interesando moito pero tamén existe unha incerteza sobre o que vai pasar, que nalgúns casos fai que non se arrisquen. En realidade, o confinamento conseguiu que nos preocupemos por coidar o lugar no que pasamos máis tempo, que é a nosa casa. E é curioso porque en moitas xa estamos instalando os sistemas necesarios para poder teletrabajar. É algo que xa se está tendo moi en conta, igual que o crear un espazo á entrada no que poder limparse e deixar os zapatos.

-Que opina dos proxectos de rehabilitación?

-O mellor que ten rehabilitar é que ti xa contas cunha construción infestada de encanto e de historia. Se aínda amais nos imos ao rural, estamos a falar de materiais, de tipos de pedra, por exemplo, que xa non é posible conseguir. Pero en honra á verdade tamén hai que dicir que unha rehabilitación sempre vai ser máis cara porque os custos son máis elevados que ao tratarse dunha obra nova e ademais precísase de persoal cualificado, de artesáns, para póla en marcha.

-Pero gañan as vantaxes, non?

-Sin duda. Rehabilitar xera moitísimo traballo e permite que non se perdan certos coñecementos da arquitectura tradicional. Falamos de formas de traballar que son diferentes dependendo de cada zona, Galicia ten a súa propia tradición arquitectónica, con determinadas construcións e determinados materiais. Iso embelece os lugares.

-Pero tamén hai obra nova...

-Si, e moita tamén. Estamos a empezar a elaborar un concepto de casa máis extrapolable, que todo o mundo poida realizar independentemente das condicións que supón cada parcela. Terían unhas bases de deseño previo pero tanto o interior como os materiais exteriores serían totalmente personalizables. Hoxe prima a accesibilidade e o benestar.

«Nesta cidade fan falta menos propostas aloucadas e máis accións pensadas»

En PLP Atelier, Pablo López Prol fai unha aposta clara polo rural e pola rehabilitación de espazos, aínda que non se esquecen da cidade.

-Non só é importante nos pobos, tamén en determinadas zonas da cidade como o centro histórico. En Ourense, por exemplo, fai moita falta que alguén se preocupe por rehabilitar varios edificios e vivendas no centro. Viría moi ben.

-Como se atopa a cidade en canto a proxectos arquitectónicos?

-Estamos nun momento interesante. Ourense está vivindo un punto de inflexión, unha situación completamente diferente ao resto das cidades galegas, xerada, por exemplo, pola construción da intermodal.

-Cal é a súa opinión sobre a intermodal ourensá?

-Trátase dunha dos maiores investimentos que se van dar en Ourense polo menos nas próximas décadas e estase levando adiante dunha forma desastrosa. Houbo un concurso internacional, ditaminouse un gañador e desde aí, nos anos sucesivos, foron todo cambios a peor e decisións absurdas que non teñen sentido e que resultan incompresibles para a maioría da xente. Non se está tendo en conta aos cidadáns, nin á xente que vive ao redor da estación, nin á que chega cada venres e sábado de Santiago ou de Vigo, que teñen que dar uns rodeos xigantes. En definitiva, estamos desaproveitando unha oportunidade grandiosa para dar a coñecer Ourense. Nesta cidade fan falta menos propostas aloucadas que só son fume e que só buscan unha repercusión mediática momentánea; e máis actuacións pensadas, de rehabilitar núcleos históricos ou de facer zonas peonís máis accesibles para os viandantes, por exemplo.