«Mandabamos turróns e noces á familia do cantante Julio Iglesias»

Pablo Varela Varela
pablo varela OURENSE

OURENSE CIDADE

MIGUEL VILLAR

Luis Mato, de 65 anos e recentemente xubilado, traballou na confeitería Arva desde 1978

27 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Na coñecida confeitería Arva, o legado de Luis Mato non remata coa súa xubilación. Aos seus 65 anos, o pasteleiro mostra a súa satisfacción porque María del Mar, compañeira no obrador durante máis de quince anos, teña tomado a testemuña para seguir adiante. Arva vai moito máis alá de Ourense e transporta tradicións da provincia a Madrid ou mesmo países que están alén do charco, como os Estados Unidos. Por exemplo, co turrón de licor café. Foron uns pioneiros na súa elaboración, alá polo ano 2009. «No seu momento lanzámonos porque xa faciamos turróns de whisky. E dixémonos: Por que non? Xa hai máis dunha década que empezamos e seguen tendo tirón. De cara a este Nadal, por exemplo, aínda houbo xente que chamou desde a capital para preguntar por eles, por se seguiamos facéndoos», di Mato.

Ese turrón de licor café explica a filosofía de Luis e, en extensión, de Arva. Sempre optaron por combinar o clásico con ideas de novo cuño. Mato comezou traballando como pasteleiro en Silleda, preto do seu Lalín natal. E coñecer á súa muller, Belén, conduciuno a Ourense en agosto do ano 1978. Luis lembra a data coma se aínda fose onte, porque foi como «chegar e encher». Estivo a proba un par de días nunha pastelería que non lle convenceu ata que se decantou por aceptar traballo noutra sen saber que sería o último, porque nunca máis se marchou de Arva. Desde entón pasou moito tempo, tanto como bos recordos. «A sensación de xubilarme xa a tiña mentalizada, digamos», indica Mato. Agora, pasa parte do seu tempo libre coidando os viñedos que ten coa súa familia en San Cristovo de Armariz, no corazón da Ribeira Sacra. «Voume dedicar máis a estas cousas. Gústame moito estar no campo, a tranquilidade e cousas como escoitar aos paxaros... E de cando en vez, aproveitarei para mandarlle aos meus amigos un par de botellitas de viño», agrega.

Atrás queda Arva, un local que na súa época chegou a ser unha especie de hospital de campaña para os feridos que retornaban á cidade tras tomar parte na guerra de Cuba, e tamén unha fábrica de caramelos. É unha das múltiples particularidades do negocio, que chegou moito máis alá da cidade das Burgas polo boca a boca. Por exemplo, á embaixada española en Nova York, por mediación dalgunhas amizades comúns, enviábase a súa famosa anguía de mazapán. E a familia do cantante Julio Iglesias, a través de coñecidos no municipio da Peroxa que exercían de intermediarios, tamén solicitaba materia prima da pastelería ourensá. «A eles mandabámoslles pasteis, turróns e noces, por exemplo», di Mato.

Cada día, desde que entrou en Arva, Luis levantábase ás seis da mañá para pórse a funcionar ao redor das sete. Tamén en domingos e festivos, días de máis afluencia. «Son os máis importantes, sempre», aclara. En Arva non traballan con bollería e aí Mato fai unha distinción no referente aos horarios. Quen si producen e distribúen para a hostalería adoitan levantarse ás tres ou catro da madrugada para pór en marcha os fornos e que os produtos cheguen a tempo para os almorzos de primeira hora. «No noso caso, como non explotamos esa vía, entramos máis tarde e adoitamos acabar sobre as dúas da tarde, coa excepción das festas de Nadal, cando tamén se fan horas de tarde porque hai máis pedidos e todo cambia», razoa.

El di ter gozado moito estas vivencias, aínda que desliza que tamén desexaba recuperar algo de tempo para si mesmo, e desconectar un pouco. Non o fixo do todo, porque tras a súa despedida de Arva estivo botando unha man a María del Mar nunha especie de transición suave cara ao cambio de mans no obrador. «A ela, que se formou na escola de hostalería de Vilamarín, dáselle moi ben o chocolate, por pór un exemplo», indica Mato.

Durante o estado de alarma pola primeira onda do coronavirus pecháronse as portas de Arva durante máis de 60 días. Como moitas na provincia, non lembra ter vivido nunca antes un ano tan peculiar, tan estraño. En parte, pola dificultade de baixar a persiana ao descender o número de clientes diarios. E doutra banda, precisamente pola perda do contacto con persoas do día a día, xente que máis aló de acudir a Arva para facer algún tipo de compra tamén implicaba conversación. En definitiva, vida e bulicio. Luis móstrase optimista con respecto ao que virá, porque pensa que Arva gañouse o respecto e aprecio dos clientes por ter apostado pola vía artesanal. «Se se coñece a esta pastelería é pola calidade dos seus produtos, e estamos moi orgullosos», di Mato.

O día da súa xubilación, o pasado 1 de decembro, a cidade de Ourense estaba aínda sometida ás restricións co peche perimetral, e a propia situación sanitaria non invitaba a celebrar nada, así que por agora pospuxo o festexo pola súa despedida ata que todo mellore. «Para o ano que vén, se cambia a cousa e é posible facelo, intentarémolo», di.

QUEN É

DNI. Luis Mato Vilela naceu en Lalín no ano 1955 e asentouse en Ourense no 1978, tras coñecer á súa muller.

O seu recuncho. Elixe a entrada á confeitería Arva, onde traballou sen descanso desde que chegou á cidade das Burgas. Xubilouse o pasado 1 de decembro, dando a substitución á súa compañeira María del Mar Moreiras.