1920: Unha revista de «mozos galegos de moita valía»

La Voz

OURENSE CIDADE

PILI PROL

Desde La Voz de Galicia desexábase «á nova publicación unha longa vida e moi felices éxitos»

20 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O 30 de outubro de 1920 pasaba á historia de Galicia vinculado a un feito que se segue a celebrar un século despois: a publicación do primeiro número da revista «Nós». Editada en Ourense, comezaba a facerse notar e a ter repercusión en toda a comunidade.

Un mes despois do seu encontro cos lectores, La Voz de Galicia publicaba unha reseña sobre o proxecto baixo o título «Nova revista galega». Informábase que «comezou a publicarse en Ourense unha revista mensual titulada ‘Nos', que dirixe o culto escritor e ex catedrático da Escola Normal daquela cidade D. Vicente Risco e que redactan un grupo de mozos galegos de moita valía». Destacábase o feito de que a revista contaba coa colaboración de firmas moi prestixiosas «entre as que figuran algunhas estranxeiras, como a do gran poeta portugués Teixeira de Pascoaes e a do critico francés Phileas Lobesque, que mostra señaladísima preferencia pola poesía galega».

«Nós» sobresaía por ser unha publicación «admirablemente presentada e ilustrada con debuxos de Castelao» e o proxecto «honra sen dúbida aos seus editores e supón un esforzo digno de ser tido en conta, en favor da cultura rexional». Incidíase na defensa do idioma -«está escrita en galego»- e na calidade das colaboracións -«contén traballos moi interesantes acerca das cuestións literarias, filológicas, etnográficas e sociais». Desde La Voz de Galicia desexábase «á nova publicación unha longa vida e moi felices éxitos».