Nove positivos en seis novos centros educativos con casos activos en Ourense, Ribadavia e Xinzo de Limia

La Voz OURENSE

OURENSE CIDADE

LOLITA VAZQUEZ

Xa son 39 as escolas, colexios e institutos con alumnos ou persoal contaxiado por coronavirus

30 sep 2020 . Actualizado ás 14:44 h.

A curva de casos activos segue crecendo en Ourense e o mesmo sucede co número de centros educativos que teñen persoas contaxiadas entre o seu alumnado ou o seu persoal. Na listaxe oficial da Consellería de Educación aparecen neste último día de setembro seis novos centros afectados, en Ourense, Ribadavia e Xinzo de Limia, que suman 9 contagios.

Con tres casos activos está o CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia; mentres que no IES O Ribeiro de Ribadavia detectáronse dous positivos. Hai un caso no CEIP Ribadavia ribadaviense; e no CPI José García García, o CIFP Marcos Valcárcel e o CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, os tres na capital provincial.

Ademais, hai centros que xa tiñan casos activos que suman novos contagios ou se tiveron que pechar aulas. Neste segundo caso está o Irmáns Villar de Ourense, que con tres casos activos tivo que pechar unha aula. En Salesianos segue unha aula pechada, pero xa son dous os contagios detectados; mentres que no CEIP de Prácticas deu positivo un novo membro da comunidade educativa, e xa son dúas; mentres que no CEIFP Portovello suman dous novos casos (e son tres os contagios).

No resto de centros a situación segue igual que onte. En total, hai 39 centros con casos activos, nos que hai 74 persoas infectadas e 10 aulas pechadas.