Seis meses de prisión por roubar 12.000 plantas de kiwis dun viveiro, tras romper un cadeado

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

M. V.

O acusado abonou case 40.000 euros polos froitos, que levou dunha explotación situada en Castro de Beiro

08 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Quedou probado que entre as doce da noite do 2 de setembro do 2017 e as vinte e catro horas seguintes, Pedro M. M. forzou a entrada das instalacións dunha explotación agrícola situada en Castro de Beiro, e levou do seu interior 12.000 plantas de kiwis, que introduciu nun camión e trasladou a outro lugar.

Aquela subtracción foi descuberta horas máis tarde polo encargado das instalacións, que denunciou o ocorrido, desencadeándose a consecuente investigación. Este martes, na sala de vistas do xulgado do penal dous de Ourense, púxose punto e final a aquel curioso roubo de miles de plantas. O acusado de haberllas levado non negou ante a xuíza os feitos, e dado que hai xa meses que pagou o custo dos produtos, case 40.000 euros, a maxistrada aceptou aplicarlle unha circunstancia atenuante moi cualificada de reparación do dano, o que implicará que o acusado non teña que ingresar en prisión a pesar de que a condena imposta por este asunto, cualificada como un delito de roubo con forza, foi de seis meses de cárcere. No escrito de acusación deste caso a Fiscalía de Ourense solicitara unha condena de dous anos de cárcere.

Así, xa na sala de vistas, a maxistrada explicou ao acusado que non terá que ir a prisión sempre que non delinca no prazo de dous anos. O propietario das plantas roubadas, que estaba citado no xuízo para declarar sobre os feitos, tamén compareceu ante a maxistrada para confirmar que o acusado xa lle pagou o diñeiro, polo que se mostrou tamén satisfeito co acordo xudicial, sobre o que xa non cabe recurso.