1995: Cabezas recupera a alcaldía de Ourense para o PP e Veiga anuncia a súa dimisión

La Voz

OURENSE CIDADE

MIGUEL VILLAR

A baixada do PSOE impedía acadar a maioría para gobernar mediante un pacto co BNG

29 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

As informacións do 29 de maio de 1995 estaban protagonizadas polo resultado da cita electoral do día anterior e as consecuencias da devandita xornada. No caso de Ourense o foco centrábase na figura de Manuel Cabezas, ao conseguir o candidato do PP romper a hexemonía socialista e alzarse coa maioría absoluta: os populares subían de 10 a 14 concelleiros, o PSOE sufría un duro pau -baixando dos 12 obtidos en 1991 aos 7 acadados catro anos despois- e o importante incremento da representación do BNG -que triplicaba a súa presenza, pasando de 2 a 6 edís- non acadaba para un posible pacto de goberno. CC-CDS quedaba sen representación e o histórico José Luis López Iglesias, exalcalde de Ourense e membro da corporación desde facía 24 anos, non conseguía manter a súa condición de concelleira. O PP reforzou lista de Cabezas coa presenza de Baltar e Bermello.

Non entran Iglesias e Troitiño

As reaccións da noite electoral do 28M non se fixeron agardar. No caso do BNG o incremento de votos en toda Galicia fora unha constante e o máximo responsable desta formación, Xosé Manuel Beiras, destacaba o bo momento que estaba a vivir o proxecto nacionalista. Nas filas do PSOE os resultados non eran bos en Galicia. En Ourense estívose ata o último minuto coa esperanza de acadar os 9 edís e repetir mandato, aínda que finalmente non se confirmou ese escenario. As tensións internas e a presenza de antigos dirixentes noutras listas -caso de Antonio Troitiño, que non conseguía entrar na corporación- asinaban o peor resultado dos socialistas en anos. Manuel Veiga Pombo, alcalde en funcións, anunciaba na noite do 28M a súa dimisión.