Manu Rodríguez: «En canto o equipo se estabilice, vai estar arriba si ou si»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

OURENSE CIDADE

MARTINA MISER

Pendente de coñecer mañá o alcance da súa lesión fronte á U.D. Ourense, o capitán salienta a posición na táboa do Arousa con todas as súas adversidades

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ata mañá pola mañá deberán agardar Manu Rodríguez, os seus compañeiros e corpo técnico do primeiro equipo do Arousa e, en xeral, a afección arlequinada, preocupados todos polo estado físico do mediocentro e capitán do conxunto vilagarcián, que o domingo tivo que retirarse prematuramente no minuto 71 do partido no Campo Municipal de Vilaxoán fronte á U.D. Ourense. O motivo, unha aparente rotura fibrilar, diagnóstico a ollo que o xogador de Moraña comparte co seu adestrador, Rafa Sáez, quen confesaba nada máis rematar o encontro o seu temor a perder non menos de tres semanas a quen é o puntal do centro do campo do Arousa. Será mañá cando se aclare o panorama, tras a práctica dunha ecografía en Pontevedra, que non se pode facer antes ao existir un derrame nos isquiotibiais da perna dereita do capitán, que nestes momentos faría practicamente inútil unha exploración mecánica na procura de concretar a lesión.

Manu explica que «ando con molestias, con dor. Eu nunca rompín. Pero falando cos fisioterapeutas, os síntomas e as sensacións son as dunha rotura de fibras».

Como na maioría deste tipo de problemas, a lesión do mediocentro arlequinado non obedeceu a ningún contacto: «Foi nunha xogada de mediocampo. Fixen unha parede con Róber, devolveume o balón, que saíu algo dividido. Estirei a perna, e notei un pinchazo detrás; algo agarrotado. Tentei estirar e volver ao campo, pero xa vin que non podía».

A falta de coñecer o alcance do dano, o certo é que Manu Rodríguez dá por feita a súa entrada na enfermería por non menos de dúas semanas, xusto no seu mellor momento, logo de marcar tres goles nas dúas xornadas que precederon ao paso da U.D. Ourense por Vilagarcía. «Esta tempada estoume atopando moi ben, moi cómodo. É unha mágoa», di. Con todo, el prefire centrarse no que toca facer: «O importante é saber canto antes o que teño, e despois, recuperarme ben. Todo o mundo di que as roturas son moi traizoeiras. Quero volver o antes posible, pero ben recuperado para non ter unha recaída». Porque a súa maior preocupación é axudar o Arousa nunha segunda volta que prevé moi dura.

Manu Rodríguez considera xusto o empate coa U.D. Ourense. Non así os anteriores co Bouzas e co Polvorín. Pero, engade, «o positivo é que o equipo segue a sumar, e continúa cuarto, dependendo de si. Ogallá este sexa o noso peor foxo. Con lesións, con sancións, xogando noutro campo que non é o noso... É de admirar». Por todo o anterior, o capitán arlequinado entende que «unha vez que o equipo se estabilice, volva á Lomba, rematen as lesións... este equipo vai estar arriba si ou si».