«O complexo de San Francisco será a Cidade da Cultura de Ourense»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

MIGUEL VILLAR

O creador dos edificios do Auditorio e a Biblioteca ultima o proxecto para o novo Arquivo

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Xosé Manuel Casabella López (O Valadouro, 1941) leva desenvolvido unha importante carreira profesional dende hai xa décadas. Formado como arquitecto na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona, onde se licenciou en 1967, foi un dos fundadores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, na que impartiu clases e da que foi director. Leva asinado proxectos como a rehabilitación do Quiosco Alfonso ou a creación da Casa da Auga, en A Coruña, o Multiusos Sánchez Paraíso (Salamanca) ou a reforma do entorno de As Burgas, entre outras moitas intervencións. Á cidade volvía nos anos 90, co proxecto do Auditorio de Ourense. Del son tamén a Biblioteca e a recuperación do edificio central de San Francisco para acoller no futuro próximo o Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

-Na inauguración as referencias aos anos de agarda foron unha constante.

-Hai trece que comezamos cos traballos e os atrancos foron unha constante polos problemas que atravesaron as empresas ás que lle foron adxudicadas as obras.

-As valoracións dos usuarios gaban o traballo. Como se sinte?

-Moi satisfeito. Cando fas unha obra estás pensando no uso público, nas prestacións aos usuarios. Esa é a parte da labor social da arquitectura. Non só te tes que preocupar de que haxa un bo funcionamento. E que o nivel de aceptación sexa alto, como pasa tamén co Auditorio, é unha enorme satisfacción.

-Ao final vai asinar a maior parte das actuacións en San Francisco.

-É certo. A miña relación con Ourense viña de facer a obra das Burgas, ao gañar o concurso. Logo foi o do Auditorio, no que tamén nos convertemos na proposta gañadora, e o mesmo pasou coa Biblioteca e o Arquivo.

-Como foi o «traslado» do Auditorio dende o Campus?

-O proxecto estaba pensado para o Campus de Ourense e logo decidiuse facer a obra no actual emprazamento. Adaptouse ao espazo, aproveitando a curva do recinto militar -alí era onde había unha residencia para os oficiais- e ampliouse a proposta co aparcamento e o espazo para a cafetería-restaurante, que nunca se chegou a facer e que é onde estiveron as oficinas do festival de cine.

-Nalgún momento fíxose referencia a ter unha gran praza entre a Biblioteca e o Arquivo para acoller concertos ou outras actividades. Mudou o concepto?

-Non necesariamente. Na praza plantáronse, xa hai uns anos, árbores autóctonas para dar sombra no futuro á Biblioteca. De feito na fachada do edificio instaláronse cortinas de aceiro como elemento de protección, xa que ao ser unha gran cristaleira iso pode afectar aos materiais e causar molestias aos usuarios. Polo demais non hai problema: a praza ten zona de granito e verde e de quererse facer actividades ou concertos alí non hai máis dificultade que cando se celebran nun campo de fútbol. É dicir, con protexer a zona verde xa estaría.

-Con que previsións traballa para a entrada en servizo do Arquivo?

-Como se sinalou na inauguración da Biblioteca -comentouno o exministro de Cultura, José Guirao- as obras do edificio que acollerá as instalacións do Arquivo están rematadas. Dito isto tamén é xusto sinalar que hai un gran traballo de intendencia por diante porque alí vai un complexo sistema de almacenamento, son máis de 30 quilómetros de andeis, e hai que proceder ao traslado dos fondos. A data apuntada, xuño ou xullo, podería ser a da inauguración.

-San Francisco conseguirá converterse no referente cultural da cidade?

-Sen dúbida. O complexo de San Francisco será a Cidade da Cultura de Ourense, o espazo chamado a converterse na referencia das actividades e dos proxectos da cidade. Hai cousas que facer, como o que comentamos da cafetería ou a necesidade de mellorar o transporte e os accesos, pero iso será unha realidade no futuro próximo. E un centro dinamizador da contorna.

«O reto do alcalde é conseguir o traslado da igrexa dos Franciscanos para o seu lugar de orixe»

Aínda que Xosé Manuel Casabella presidía en setembro do 2011 o seu derradeiro acto como responsable da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña mantén o afirmado naquela altura: «Mentres a arquitectura non me abandone, seguirei traballando». E niso se aplica o membro da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, que este venres estaba a pé de obra para ver como se van desenvolvendo as actuacións no futuro Arquivo.

-Con que se atoparán os ourensáns este verán?

-Cun edificio magnífico, moi grande, e cunha ampla capacidade para acoller a investigadores, salas de docencia, espazo para as visitas institucionais e moitas máis cousas.

-O Museo da Xunta será a peza final do gran complexo cultural?

-Debería selo, aínda que creo que se terían que facer doutra maneira as cousas.

-A que se refire?

-A min, particularmente, non me gusta a proposta que se está a facer para a zona da antiga igrexa e o vello albergue de peregrinos. Hai que retomar a negociación para devolver a portada de San Francisco ao seu lugar para completar o complexo e as intervencións que se levan feito neste espazo. O reto do actual alcalde é conseguir o traslado deste símbolo dos Franciscanos para o seu espazo de orixe. Obviamente habería que modificar o plan urbanístico na zona de San Lázaro para que eles podan ter unha compensación por ese acordo.

-Cre que aínda é posíbel?

-Si. É hai que tentalo. En San Francisco está o Auditorio, a Biblioteca, a Escola de Teatro e Música, o edificio histórico e o claustro, o cemiterio e estará tamén o Museo. Contar coa igrexa sería o broche de ouro. Pódese facer.