Café e cultura en 750 metros cadrados

Por María Doallo OURENSE

OURENSE CIDADE

Mur Marxinal é un novo concepto de local que acaba de abrir as súas portas na cidade

16 ene 2020 . Actualizado ás 16:24 h.

Goretti González e Hélder Costa coñecéronse grazas ao bar San Xés, aquel que ben podería presumir de servir unhas das mellores empanadillas da cidade. Ela traballaba alí e el era sobriño dos donos, xa xubilados, polo que tamén axudaba no local. Cando o traspasaron, ambos foron os sinalados para coller a substitución, pero esta moza parella tiña claro cal era o estilo de bar que querían sumar á cidade. Tres anos máis tarde nace Mur Marxinal. «A descrición correcta sería concept store. Aquí pódese desfrutar dun café de calidade, que en cada ocasión virá dun país diferente, e ao mesmo tempo comprar unha antigüidade ou unha planta», explica Helder. E iso é só o principio. Unhas escaleiras industriais que non levan a ningunha parte, unha auténtica letra do cartel dun cine búlgaro ou a lanterna que calquera lareira do rural escondía nun caixón. Todo iso pode adquirirse neste novo establecemento situado na rúa Manuel Murguía. «A situación era tan importante para nós coma o espazo. Este local gustounos porque pasaba da Praza Maior cara ao Xardín do Posío, cremos que é unha zona de rexeneración da cidade», di Goretti.

Mur é unha nave industrial -duns 750 metros cadrados- reconstruída en territorio artístico e para iso, o amplísimo espazo co que conta se divide en distintas estancias. Unha terraza, no que antigamente se consideraría o portal de acceso ao edificio lindeiro, dá a benvida aos visitantes cun bo grupo de mesas e cadeiras, todas diferentes e en venda. Xa no interior da propia nave, Goretti e Helder construíron unha pequena cafetería ao carón, onde non só hai café de calidade. «Entre semana ofrecemos menú do día e os sábados temos brunch. Confiamos na cociña de mercado e apostamos por comprar todo no barrio. A finalidade da nosa comida é facer viaxar a outro lugar aos nosos clientes. É curioso que poidan estar sentados nun sofá francés mentres comen pasta ao estilo italiano», conta Helder. Alén do café atópase un pequeno recuncho vexetal, no que descubrir distintas plantas e cactus. O demais, abríndose camiño cara ao fondo da nave, son obxectos que completan o enorme espazo. Todos eles condensando recordos e historias que agora poden xerarse de novo.

Non falta a arte, neste caso dentro dun colector industrial acondicionado en sala situado ao fondo do local. Actualmente no seu interior colgan fotografías dunha das últimas escavacións en Santomé pero está aberto a recibir novas exposicións. «Queremos dar visibilidade ao artista local, que saiba que aquí ten un lugar onde dar a coñecer a súa obra», di Helder. Ilustración e artesanía, son algúns dos exemplos, pero tamén apostan pola música con concertos en formato acústico ou polos mercadillos ao redor dunha idea. «Este Nadal fixemos unha sesión vermú con swing e a verdade é que veu un montón de xente. Gústanos ofertar actividades lúdicas e culturais que convertan a Mur nun espazo onde poder compartir un rato agradable coa xente que queremos, sen presa e con total opción a desconectar», explica Goretti.

Din que para crear o seu propio en Ourense inspiráronse en lugares como os bares en ruínas de Budapest ou conceptos similares no centro de Europa, espazos no que entras a tomarche algo e acabas descubrindo un universo cultural con moitas opcións. Esta parella formada por un portugués e unha ourensá aposta de forma contundente polo desenvolvemento do negocio local, pola cultura patria e pola calidade, por amais de todo. Desta forma nace Mur Marxinal, un proxecto -e unha cafetería, e unha tenda de antigüidades, e, e, e....- que con tan só un mes de vida xa foi capaz de sorprender a quen se penetran nel. E iso que as sorpresas non fixeron máis que empezar...