Materiais vinculados á adega familiar móstranse no Liceo de Ourense
14 ene 2020 . Actualizado ás 22:59 h.As datas do Nadal son o territorio temporal onde reinan as marcas de champaña e dos seus correlixionarios cavas e espumosos -que para algo os franceses saben defender o seu e «champagne» é unha denominación exclusiva-. En Galicia hai anos que se apostou por traballar nun sector que desde hai décadas conta coa correspondente oferta nas diferentes denominacións de orixe -neste caso como espumosos que o uso da palabra cava tamén é exclusivo-.
En Ourense estivo un dos pioneiros do viño espumoso elaborado en Galicia. De tal circunstancia cúmprese agora un século e os adiantados contaban con adega no Ribeiro e uns apelidos dabondo coñecidos: Vázquez Gulías. Da elaboración da primeira champaña do Ribeiro dáse conta na exposición que sobre Daniel Vázquez Gulías está aberta ao público no Liceo de Ourense. Alí, xunto ás referencias de proxectos do arquitecto -realizados uns, sen desenvolver outros e desaparecidos uns cantos se poden ver dous espazos dedicados a este proxecto pioneiro.
Nunha das vitrinas da mostra do Liceo exhíbense os manuais, en francés, que os irmáns Julio e Daniel Vázquez Gulías tomaron como referencia en canto a materiais, técnicas e procesos para a elaboración do seu espumoso. Tamén de gaiolas para o almacenamento das botellas, un libro de albaranes, selo, etiqueta e cartón da adega «Vázquez M. Gulías Hnos.».
Nun expositor vertical pódense contemplar botellas do coñecido na época como o «Gran Champagne Gulías», que se comercializaba como «gran espumoso natural. Tipo ‘champagne'», un capuchón ou cápsula da marca coa reseña «V. M. Gulías Ourense» e outros materiais. Entre os mesmos un exemplar dos cartóns postais que circulaba a adega publicitando a súa especialidade en «Viños do Ribero. Champagne Galego» coa referencia de «Adegas Gulías. Ourense», bitolas do espumoso coa indicación do tipo -«Sec extra»- e etiquetas comerciais de «Gulías» e «Miño» xunto á reseña que os adegueiros puñan nas súas botellas: «Os nosos viños non están preparados con adicións de alcol, acedos esencias nin outras drogas que os impurifican. O seu bouquet e espuma, son completamente naturais e por iso son os únicos preferidos e recomendados para os estómagos e os gustos delicados». A documentación e os materiais relacionados co espumoso de Gulías pódense ver no Liceo ata mañá, día de clausura da exposición.
Do brinde para inaugurar a liña de tranvías entre A Coruña e Sada ao Palace de Madrid
Nas súas «Historias de Galicia» publicadas en La Voz, Fernando Salgado centraba unha entrega na champaña galega. O primeiro pasa por ser a «Gran champaña Galicia», que en 1920 elaborábase na Ramallosa (Nigrán). En 1921 hai constancia oficial, así quedou apuntado nos medios de comunicación, que se brindou co Gran Champagne Gulías na inauguración da liña de tranvías entre A Coruña e Sada. Daniel Vázquez Gulías aprendeu a elaboración co método «champenoise» da man dun compañeiro seu da parisiense L' École de Beaux Arts e para crear o seu espumoso fíxoo coas uvas dos seus viñedos de Razamonde e Ourense. Do prestixio do produto dá conta a presenza do espumoso ourensán en establecementos como os hoteis Palace (Madrid), Gran Hotel da Toxa, Atlántico (A Coruña) ou Washington Irving (Selecta) e a súa exportación a Cuba, Arxentina e México. Vendíase a 12,50 pesetas.
Mesa redonda no Liceo
Este martes (20.00 horas) celébrase un encontro sobre Gulías no Liceo. Participan Galego Jorreto, José Ramón Solaruce, Emilio Fonseca e José Anxo Sánchez.