A mellor forma de ser infiel pode ser esta

OURENSE CIDADE

Internet

03 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

«A literatura é a forma de infidelidade que goza de mellor reputación», advirte Ricardo F. Colmenero (Ourense, 1977), premio Camba de xornalismo. «O Camba, máis que como un premio, caeume como un diagnóstico», confesa en Literatura infiel, unha colección de artigos como descoidos que se permite a realidade para abrazarse coa imaxinación pola noite ou á luz do día; en calquera lugar e ocasión, tal é a paixón destes amantes: realidade e ficción, xornalismo e literatura, aos que Colmenero sorprende in fraganti, na faísca do seu encontro. Nas marquesiñas dos autobuses da Galicia rural de Fraga, en San Lorenzo de Piñor, nun piso de estudantes en Pamplona, no Santiago Bernabéu, na praia máis cara de España ou en «a festa máis guarra de Eivissa» (pasen e lean como queiran, para seguir a pista e zambullirse nunha destas noticuenticias). Splash! En calquera destas escenas divertidas, delirantes, retranqueiras, fabulosas e larpeiras sentiranse dentro dunha especie de Cóntame pero con Marty McFly, Pedro J. ou Risto Mejide, con malo leite e boa letra. Colmenero ten a arte de contar verdades como puños con tacto de seda, emociona con humor e leva no exercicio do seu oficio unha maleta de lecturas mestras, o peso de referentes que van de Pérez Galdós a Lucia Berlín ou Roberto Fontanarrosa.

El vive, traballa, escribe e cría ao seu fillo en Eivissa, e vén ao caso porque as súas circunstancias fan crónica social, son faragulla dos seus textos. Aquí están, entre outras, as súas peripecias como pai primerizo en apertos. «Poida que a dieta da papilla lle vaia ben a Jennifer Aniston, pero non a min. A merda chégame ata a caluga», escribe en Monólogo interior do meu bebé á primeira hora da mañá.

Antes de ser pai ao Berto Romero , Colmenero tivo avoas. Viviu amores e goles, perdeu ao seu pai nun estadio, quixo ser Manuel Rivas e encerrouse nun cuarto con Rocco Siffredi («Saín do cuarto coa idea de que Rocco, o deus do porno, a taladradora de Ortona, tiña sentimentos e lía 'porno para mamás'»).

Sexan literariamente infieis. Sen medo, con gusto, con ganas de ler e ler máis, para vivir mellor, constatando que a realidade non supera a ficción, pero necesítaa para ter graza. E seducirnos.

«Literatura infiel»

Ricardo F. Colmenero

EDITORIAL CÍRCULO DE XIZ 

PÁXINAS 330 PREZOS 21