2003: Do asasinato da pequena Erika ao macrojuicio no campus de Ourense

Marta Vázquez Fernández
Marta Vázquez OURENSE

OURENSE CIDADE

PILI PROL

En marzo daquel ano toda Galicia se estremeceu co achado nun colector do corpo sen vida dunha nena de catro anos, no Carballiño

23 ene 2020 . Actualizado ás 11:18 h.

O ano 2003 viviuse en Ourense con numerosos acontecementos, algúns tráxicos.

 A terrible morte de Erika

O 15 de maio do 2003 toda Galicia, e especialmente O Carballiño, estremecíase coa noticia do achado nun colector do corpo dunha nena de 4 anos. A pequena Erika fora localizada días despois de que a súa nai e padrasto denunciasen a súa desaparición. Pero eles foran os responsables da súa morte e anos despois, en 2006, foron condenados por iso. Á nai, Ana María García Salgueiro, caeron 36 anos de prisión e ao seu ex compañeiro, Luis Piñón Montoto, outros 34. Condenóuselles por asasinato e malos tratos á pequena. A ela o Supremo reduciulle en 2007 a pena, a 21 anos de reclusión.

 Primeira pedra da biblioteca. O 26 de decembro do ano 2003 púñase a primeira pedra da biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense. «Tres libros de Carlos Casares, Vicente Risco e José Anxo Valente, a prensa do día e un microchip coa memoria da Universidade de Vigo permanecen desde onte debaixo da primeira pedra da futura biblioteca», recollía La Voz de Galicia. Dous anos despois e tras un investimento de 3,7 millóns de euros, abríase ao público a instalación, da que se benefician todos os ourensáns. No educativo, a finais dese ano tamén comezaban as obras para o novo colexio Irmáns Villar, na capital ourensá.

Macrojuicio pola Operación Galo II. Dezasete acusados de formar parte dunha rede de tráfico de drogas que operaba en Ourense foron xulgados en outubro. Por tratarse de tantos sospeitosos foi necesario celebrar as vistas na facultade de Dereito do campus de Ourense. A Audiencia condenou a once deles a un total de 43 anos de prisión e absolveu aos outros seis. Entre os condenados estaban Josefa Pérez, alias Pucha, o seu compañeiro, Basilio Janeiro, e Domingo González Nguyen, do clan dos vietnamitas.