A reciclaxe de cartón no comercio farase porta a porta

La Voz OURENSE

OURENSE CIDADE

CEDIDA

O Concello de Ourense lanza unha campaña baixo demanda dos negocio

03 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A área de Medio Ambiente do Concello de Ourense, en colaboración coa empresa concesionaria Ecourense, atende unha demanda dos comerciantes de Ourense de facilitarlles o acceso á recollida de papel e cartón comercial como mellora sostible na cidade. O tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, destacou que este plan permitirá darlle servizo a calquera empresa en calquera punto da cidade. O obxectivo é, segundo puntualizou dar un salto cuantitativo e cualitativo na recollida de papel e cartón e mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

O servizo arrinca cunha chamada por parte do comerciante ao teléfono gratuíto 900 81 00 81 -o número está operativo de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas- ou de forma gratuíta a través de Whatsapp ou chamada telefónica no teléfono móbil 617 26 63 35. A petición do servizo é gratuíta e farase porta a porta. O concelleiro popular, que estivo acompañado pola edila de Comercio, María Debuxa, e pola presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, apuntou á mellora estética urbana da cidade ao recoller o cartón comercial en orixe e evitar almacenamentos innecesarios nas beirarrúas, sobre todo, pensando agora na intensa campaña do Nadal.

O dobre de medios

O concelleiro de Medio Ambiente indicou que en previsión da maior demanda que a campaña de Nadal xerará en relación á xestión de cartón, o servizo de recollida actual dobrará os seus medios para darlle atención adecuada ao conxunto da cidade. O edil puntualizou que a proposta completa as rutas específicas que se realizan habitualmente.