Aspanas pide axuda para reformar o seu centro de Velle

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

cedida

A nova directiva reuniuse coa delegada da Xunta

20 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aspanas, a asociación de pais e nais a favor das persoas con discapacidade intelectual de Ourense, estreou xunta directiva a finais de outubro e este martes presentouse de forma oficial á delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira. Entre os temas que trataron tanto o xerente, Sergio Regueira, como a presidenta, Susana Losada, destaca a petición de axudas á Administración para poder reformar o centro co que conta a asociación en Velle, que na actualidade é utilizado por 140 persoas; 34 dos usuarios están nas instalacións que ten a entidade na Peroxa.

O xerente de Aspanas sinalou que unha das principais necesidades que ten a asociación é a mellora da infraestrutura das súas instalacións de Velle, onde se desenvolve a maior parte da actividade dos usuarios. Na actualidade, Aspanas centra a súa acción en servizos de atención de día, ocupacional e en centros de emprego, como é o viveiro Amencer, en Coles.

A delegada territorial da Xunta ofreceu aos responsables da entidade diálogo e colaboración da Administración autonómica para continuar traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, favorecer a súa integración na sociedade e apoiar ás familias. Lembrou que a Consellería de Política Social pon, actualmente, dous millóns de euros a disposición das familias para as 140 prazas concertadas que teñen os centro de día e ocupacional de Velle e A Peroxa, así como nas residencias para adultos e para as persoas gravemente afectadas.