O servizo de bombeiros de Ourense non renovaba material desde facía sete anos

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

MIGUEL VILLAR

O desbloqueo dos fondos da Unespa fai posible que o Concello o dote de novos equipos

19 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os bombeiros de Ourense levan anos demandando melloras nos materiais cos que traballan a diario para a prevención de incendios e outro tipo de accións de seguridade. O desbloqueo dos fondos da Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras (Unespa), que reserva un parte dos ingresos dos seus seguros para repartir entre os concellos que están adheridos, fixo posible que, entre outros cousas, desde esta semana os bombeiros de Ourense poidan contar cunha embarcación con remolque a motor propia. Facía sete anos que viñan utilizando a de Protección Civil. Ademais deste vehículo, os bombeiros contan xa con novas alarmas persoais, detectores multigas e de corrente eléctrica, escaleiras de asalto, emisoras dixitais e manómetros de presión para botellas de aire respirable. Tamén, segundo sinalou a concelleira de Seguridade Cidadá de Ourense, María del Mar Fernández Debuxa (Democracia Ourensá), durante as próximas semanas está previsto recibir un conxunto de ferramentas para a apertura de portas, bolsas para equipos individuais, coxín de asalto, efectos ventiladores, lanzas, balizas, novos sistemas de portaescalera para os vehículos autobombas e a instalación de ancoraxes na torre de manobras.

A maiores, sinalou Debuxa, están a redactarse os pregos para adquirir un equipo de excarceración, un furgón de salvamento e un vehículo de autobomba forestal. «Estamos nesta loita e na de persoal porque hai unha precariedade importante como pasa na Policía. Desde Alcaldía son asuntos prioritarios que nestes catro anos queremos deixar en óptimas condicións», explica a edila.

Manuel Ferreira, xefe de servizo de bombeiros de Ourense, sinalou: «Agora temos un diñeiro que se liberou e é o investimento que temos que facer a curto prazo. Hai outras prioridades para o servizo, como a do persoal, a organización ou a comarcalización, pero hai que ir aos poucos». Dixo sentirse satisfeito por «ver que se canalizan as cousas para prestar un bo servizo aos cidadáns. Estamos con máis ilusión». Sobre os novos materiais, sinalou que eran moi necesarios porque co paso do tempo fóronse deteriorando, despois de sete anos sen facer ningún tipo de investimento. En relación ao persoal, Ferreira explicou: «Neste momento somos 50 persoas, temos un déficit de 22. Temos catro quendas de 11 ou 12 persoas, cando o ideal sería que fósemos 17 por quenda. Isto sería moi bo». Sobre este tema, Debuxa apuntou: «Estamos mirando as fórmulas para facer unha oferta de emprego, que ten que ser en conxunto. E algunha posibilidade máis que hai, ás veces, de xente que se pode traer. Iso depende de Persoal pero desde a concellaría que presido estamos a insistir en que se faga en breve. Tamén queremos profundar na formación na cidade e que non teñan que desprazarse».