A caída da catenaria causa problemas no tráfico ferroviario entre Ourense e Santiago

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

OURENSE CIDADE

La catenaria en la línea de alta velocidad Santiago-Ourense
A catenaria na liña de alta velocidade Santiago-Ourense PACO RODRIGUEZ

Polo menos dúas frecuencias víronse afectadas o derrubamento, que se atribúe ao último temporal

16 novs 2019 . Actualizado ás 21:41 h.

A caída dun tramo de catenaria na liña de alta velocidade entre Santiago e Ourense —concretamente á saída desta última cidade— provocou onte distintas afeccións ao tráfico ferroviario entre estas dúas cidades, por onde tamén circulan os Alvia que conectan as principais cidades galegas con Madrid. O incidente produciuse sobre as dúas da tarde e un dos primeiros trens afectados foi un Avant cuxa circulación se interrompeu no Irixo e os viaxeiros tiveron que ser transbordados a un autobús. Outro convoi máis resultou afectado, en total 160 viaxeiros. A catenaria é o tendido de cables —liña aérea de contacto— soportado por postes que permite alimentar con enerxía eléctrica aos trens. Xa que logo, a avaría afecta principalmente a trens só eléctricos como os Avant, pero en menor medida aos Alvia, que grazas aos seus xeradores diésel poden circular por vías non electrificadas.

Renfe non deu conta onte de ningún outro tren afectado pola caída destes elementos de electrificación, que tiveron que ser retirados das vías para liberalas. A avaría liquidouse a partir das 17.30 horas. Distintas fontes atribúen o suceso a un efecto sobrevindo do temporal que azoutou Galicia o pasado xoves, que puido debilitar os postes que sosteñen os cables.

Non é o único obstáculo que deben superar os viaxeiros que utilizan a liña Madrid-Galicia. Polas obras de construción da liña de alta velocidade coa Meseta está interrompida a circulación de trens entre as estacións de Zamora e Ourense desde o pasado día 5, e seguirá así ata o próximo 28 de novembro.