«Brandon arrinca o meu espírito loitador»

OURENSE CIDADE

MIGUEL VILLAR

A ourensá Inés Quintáns sobre a súa mascota: «É demasiado especial»

18 novs 2019 . Actualizado ás 16:25 h.

Brandon non é un can calquera. Nin para Inés Quintáns nin para moitos nenos ourensáns que aprenderon a perder o medo aos canes grazas á súa dozura. «Chegou á miña vida porque estaba nunha camada de Golden que vendía un señor. A el non o quería ninguén porque tiña unha lesión nunha patita dianteira. Recordo, mesmo, que puña que era un can defectuoso», explica Inés. Con eles dous convive tamén outra cadela abandonada. «Brando é, uff... demasiado especial. Non se como definilo, non me imaxino a vida sen el. Por el creei a asociación de mascotas en Ourense. Animoume a facer cousas. Arrinca o meu espírito loitador, anímame a facer cousas que cría imposibles. Sempre está ao meu lado e parece que me fala. É un vínculo moi grande o que temos», relata Inés.

 A ourensá explica que cando Brandon chegou á súa vida «estaba moi malito» e que soubo axudar á súa nai cando tiña problemas de depresión: «Foi parte do seu cura». O can tamén participou en actividades en colexios ourensáns: «Atopámonos con nenos que tiñan medo aos cans e nunha hora Brandon conseguiu que se esquecesen. Vai en nome da asociación e é unha marabilla. A conexión é sempre xenial cos nenos», di. Mesmo afirma que a xente do seu barrio dille moitas veces: «¡Quero un Brandon, non un golden». Inés sinala que el ten un don especial. Brandon, con 12 anos, nunca se despegou de Inés: «Son incapaz de deixarllo a alguén, vén connosco a todas as viaxes que facemos. Como o vou deixar? É un máis da familia».

Agora Brandon está malito. Ten unha espondilitis dexenerativa na columna, que afecta especialmente ás súas patas. «Pero aí está como un campión», afirma a súa propietaria, que sabe que o can xa vive os seus últimos anos. «Cando souben da enfermidade chorei moito, non me imaxino sen el [...]», traga saliva. Inés sempre tivo cans, desde a súa infancia, pero atopou en Brandon ao ser máis especial. «Ten algo que non se pode explicar, e así o pensa moita xente. Todo o mundo que o coñece namórase dela pola súa calidez tanto con persoas maiores como con nenos».