Acode ao volante do seu propio coche a que o xulguen por conducir sen carné

La Voz OURENSE

OURENSE CIDADE

Agostiño Iglesias

Axentes da Garda Civil de Verín, que acudían como testemuñas ao xuízo, imputáronlle un novo delito contra a seguridade viaria

15 oct 2019 . Actualizado ás 17:45 h.

Os axentes da Garda Civil de Verín aínda conservan a cara de asombro que se lles quedou o pasado luns cando viron chegar ao xulgado de Ourense, ao volante do seu propio coche, a un veciño de Cualedro acusado de conducir sen carné. O home, de 44 anos, apareceu poucos minutos antes de que comezase o xuízo e aparcou na mesma entrada do edificio xudicial ante a mirada atónita dos axentes que acudían como testemuñas, por un delito que cometeu o 14 de marzo do 2018. Nese momento, antes de entrar no xulgado, o veciño de Cualedro foi imputado polos axentes por un novo delito contra a seguridade viaria, que se suma aos sete que ten pendentes, así como a outros tantos por consumo de droga.

Tras inmobilizarlle o coche entraron no xulgado, acusado e axentes, para declarar polo caso nun xuízo que finalmente non se celebrou por non acudir a nai do condutor , que fora citada pola defensa. O que non se sabe é como regresou o home de novo a Cualedro. El acusado enfrontábase a unha denuncia interposta pola Garda Civil de Verín en maio do ano pasado cando circulaba baixo os efectos das drogas pola N-525 na localidade de Vilaza (Verín). E sen carné.

Reincidente

O home xa fora xulgado por feitos similares en diferentes estradas da comarca de Monterrei: novembro do 2017, xaneiro do 2018, marzo do 2018... polo que a día de hoxe non conta con puntos no carné de conducir, que lle foi retirado. Anteriormente tivo un importante accidente, tamén en Vilaza, onde esnaquizou o seu coche. Aínda que o feito que se ía xulgar o luns podía ter sido resolto nun xuízo rápido en Verín se o home aceptase a condena, finalmente pasou ao xulgado do Penal de Ourense, onde terá que regresar o acusado.

No Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense existe un grupo dedicado á persecución deste tipo de delitos co fin de retirar da circulación ás persoas reincidentes que prexudican a seguridade viaria. Estes acusados enfróntanse, explican desde a Garda Civil, a penas de prisión de tres a seis meses, a unha mula de 12 a 24 meses ou a traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. Advirten que conducir co permiso suspendido pode traer castigos máis duros, xa que se trata dunha actitude reincidente, como ocorre neste caso.

Detrás da historia do home de Cualedro está a drogadicción, o que aumenta se cabe a problemática non só para el senón tamén para todas aquelas persoas que llo poden cruzar na estrada. Segundo fontes da investigación, este condutor adoitaba trasladarse habitualmente no seu coche desde o concello de Cualedro —onde reside— ata Verín para comprar droga. Non usaba o vehículo para viaxes máis longas.