Ourense revisará a ordenanza polos rescates en casas tras o caso dunha muller á que se cobrarán 150 euros

Cándida Andaluz Corujo
C. Andaluz OURENSE

OURENSE CIDADE

Santi M. Amil

A edila da área cre que non se debe cobrar á muller que estivo catro días tirada no baño da súa casa ata que a auxiliaron os bombeiros da cidade

15 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A ourensá Elvira Fernández Pérez, que foi rescatada polos bombeiros tras permanecer catro días tirada na bañeira da súa casa sen poder avisar a ninguén, e que agora se enfronta a un pagamento polo rescate que non pode sufragar, liquidará en breve esta carga. Farao grazas á xenerosidade dun hostaleiro compostelán —houbo máis persoas que se ofreceron a iso— que asegurou que Elvira terá o diñeiro.

Pero a situación á que se enfronta esta muller, cunha xubilación que non chega aos 400 euros, cun pagamento pendente, agora con recarga, que ascende a algo máis de 150 euros, será revisada polo Concello de Ourense. A edila de Seguridade Cidadá, e responsable dos bombeiros de Ourense, María del Mar Fernández Debuxa, sinalou nos micrófonos de RadioVoz : «Todos os Concellos teñen unha ordenanza reguladora para a saída dos bombeiros. Nosotros desde Alcaldía, e como cidadáns, entendemos que hai casos dunha excepcionalidade importante como é o desta señora».

Fernández Debuxa, de Democracia Ourensá, explicou que como calquera outra ordenanza ha de cumprirse pero, dixo, será necesario revisala. «Haberá que ter en conta nun futuro cales son os casos puntuais nos que teriamos que actuar doutro xeito e non cobrar a esta xente», explicou. Lembrou, ademais, que nese caso, Elvira non puido avisar a ninguén e que a entrada na casa fíxose a través dunha alarma dunha terceira persoa. «É normal que nestes casos teñan que ir os bombeiros porque a xente na súa casa está coa porta pechada. É xente que non ten preto á familia. É un problema que está aí e desde Servizos Sociais imos intentar regulalo dalgún xeito. Miraremos a ordenanza para saber en que puntos temos que ter maior flexibilidade». Lembrou que o propio alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou ao comezo do seu mandato unha serie de medidas para estar pendente das persoas maiores que viven soas na cidade. María del Mar Fernández Debuxa explicou que actualmente na capital ourensá só están exentos do pagamento a accións dos bombeiros as persoas perceptoras da Risga: «É unha cousa que imos revisar, porque é unha ordenanza que ten uns anos e hai que ir mellorando en todo. Hai xente que vive cunha renda bajísima, que non chega aos 400 ou 500 euros, precaria. Somos cidadáns e creemos que isto hai que tratalo doutro xeito. Aínda que ben é certo que o Concello ten que estar regulado e os bombeiros tamén». No caso de Elvira Fernández, e a axuda que recibirá do hostaleiro compostelán, subliñou: «Estamos a miralo e eu considero que esta señora non vai ter, polo que a min respecta, que facerse cargo deste rescate». Mentres, Elvira está á espera da resposta do Concello para que a débeda non aumente con novas recargas.