O desafiuzamento dos viños

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa DE ESGUELLO

OURENSE CIDADE

13 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Seguro que coñecen esa expresión que di que os dereitos dun rematan onde empezan os do outro. Nestes tempos de individualismo exacerbado, nos que algúns presumen do egoísmo coma se fose unha virtude, fai moito que os dereitos dun pasan por amais dos do outro en demasiadas ocasións. Que llo digan aos veciños do centro histórico para os que as consecuencias da marcha nocturna son, empregando as súas palabras, como un desafiuzamento. Acostumados como estamos ás estampas das rúas dos viños, e das das copas, custa pórse no lugar destas persoas que xa non saben que levan peor: o ruído, a sucidade e as incomodidades que xera a noite ourensá, a impunidade dalgún dos seus protagonistas ou a indiferenza da administración competente. Ou incompetente?

Recomendaríalle aos responsables políticos e policiais que pasasen unha noite nos pisos da rúa Lepanto, da praza do Correxidor ou de Cabeza de Manzaneda que La Voz de Galicia visitou de madrugada o pasado sábado. Se cadra así serían conscientes da desesperación de quen teñen que medicarse para durmir, de quen teñen que fuxir da súa casa as fins de semana ou de quen teñen que lidar coa falta de descanso propia pero tamén dos seus pequenos ou dos seus maiores. Mentres tanto poden entrar na web de La Voz de Ourense e escoitar o son dos vídeos gravados nestes domicilios. Se o que oen non é suficiente para pór en marcha un plan de choque urxente confirmarase outra frase feita, a de que non hai máis xordo que o que non quere oír.

A situación de moitas familias da zona de marcha é insostible e eles non teñen un remedio tan doado como o dos responsables de dar unha solución: aínda que miren cara a outro lado, seguen escoitando o ruído.