O Concello de Ourense pedía responsabilidades polas verteduras ao río Barbaña

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

a voz

A política, coas eleccións municipais e as súas consecuencias, marcou 1991 peros en Ourense houbo máis noticias

06 oct 2019 . Actualizado ás 11:09 h.

A política marcou de forma importante aquel 1991, coa campaña electoral, os resultados e as súas consecuencias na formación de gobernos locais. Pero houbo outras noticias das que o xornal se fixo eco.

Sucesos

Recoñecemento a dous policías. O 22 de xaneiro, na sección «Quen e Que se publicaba unha pequena entrevista con Ernesto Araújo, axente do Corpo Nacional de Policía e instrutor de tiro na comisaría, posto que segue desempeñando na actualidade. O Concello habíalle feito un recoñecemento, xunto co policía local Carlos Mera, pola súa actuación de lanzarse ao río para intentar salvar a unha muller. Araújo pasaba casualmente por alí, xa que era o seu día libre.

Medio ambiente

As verteduras ao Barbaña xa dividían ás administracións. O alcalde socialista de Ourense, Manuel Veiga Pombo, nas súas primeiras declaracións públicas tras as vacacións de verán, referíase no diario do 5 de setembro a que os problemas das verteduras no río Barbaña non se poderían solucionar ata que a Xunta e o Concello de San Cibrao «tomasen cartas no asunto con seriedade».

Festas

Os «fachós» triunfaban en Castro Caldelas. Unha crónica de Manuel Castro desde Castro Caldelas testificaba que a pervivencia da festa de patronazgo de san Sebastián, estaba garantida «polo entusiasmo que mozos e nenos demostran pola celebración».

Educación

Construción do Sexto Instituto no Vinteún. Estaban en marcha as obras do edificio do Sexto Instituto, no barrio do Vinteún, coa previsión de que abrise a comezos do ano seguinte. Mentres, os alumnos da zona distribuíanse noutros centros. Directores dos institutos ourensáns reclamaban que se construíse outro instituto público máis pero nunha zona céntrica para unha mellor escolarización.