«A educación é imprescindible para mellorar e transformar a sociedade»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Santi M. Amil

Cofundador do CDS en Ourense, Manuel Doval repasa a súa traxectoria política e persoal

25 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Manuel Doval naceu no ano 1951 en Lamela (O Pereiro de Aguiar) e leva a gala as súas orixes rurais. Desde que aos doce anos empezou a estudar na capital, a súa vida estivo tamén vinculada ao mundo urbano, pero sen esquecer nunca de onde viña. A educación é, segundo di, «unha ferramenta imprescindible para mellorar a transformar a sociedade», un anhelo que marcou a súa actividade profesional e política.

En realidade, Doval quería ser enxeñeiro, pero para iso tería que haberse se a estudar a Vigo e a súa familia non podía permitirllo. Estudou para ser mestre industrial no instituto da Ponte e acabou como funcionario de prisións no centro penal de Pereiro de Aguiar, onde exerce a súa actividade profesional desde hai anos. Con todo, nunca deixou de formarse. «Sempre pensei que tiña que facelo non só por un interese persoal, senón para prestar un mellor servizo á sociedade», di. Así, en 1989 empezou Dereito na UNED, que entón non tiña delegación en Ourense, pero deixouno precisamente por iso, porque desprazarse todos os venres a Pontevedra supuña un trastorno para el.

Pero non desistiu dos estudos e con 47 anos fixo primeiro a diplomatura de Educación Social e, despois, a licenciatura de Psicopedagoxía. «Era o maior da clase», conta Doval, que tiña que compatibilizar os libros coas súas responsabilidades políticas e laborais. «Tiven moita axuda dos compañeiros e dos profesores e con algúns deles aínda manteño hoxe o contacto. O campus é moi importante para o progreso e o benestar da provincia», reflexiona.

Politicamente, Doval explica que na familia da súa nai eran doce irmáns e que moitos deles eran de esquerdas «o que lle causou non poucos problemas aos meus avós», lembra. El ao principio prefería non significarse publicamente, pero implicouse máis tras a dimisión de Adolfo Suárez en 1981. El ata entón presidente do Goberno era todo un referente para Doval.

«Eu defínome como de centro e son suarista. A el leveino como líder e estandarte. Ademais, son galeguista ata a médula, pero non por iso deixo de ser español. E sonme válidas tanto a Constitución como o Estatuto de Autonomía, se ben son susceptibles de ser melloradas», di Doval, que axudou na fundación do CDS (Centro Democrático e Social) en Ourense. En 1983 presentouse ás eleccións municipais e conseguiu converterse en alcalde de Pereiro de Aguiar. «Conseguín o máximo ao que un pode aspirar en política», resume o exregidor, que se mantivo no cargo durante catro anos. Daquel período destaca logros como o colexio Ben-Cho-Shey, o centro de saúde, a Casa do Concello ou o complexo deportivo de Monterrei.

Con posterioridade, seguiu colaborando co seu sucesor, Eliseo Fernández, que retivo a alcaldía ata que nas últimas eleccións cedeulle o bastón de mando a Luis Menor. Con Fernández á fronte do Concello, Doval tivo amplas responsabilidades, especialmente en materia de urbanismo. O PXOM elaborado baixo a súa coordinación foi un motor indispensable para o crecemento que viviu Pereiro nas últimas dúas décadas.

El, no entanto, destaca que a súa principal obsesión foi a de axudar aos seus veciños. «Eu intentei sempre ser un mediador, tender pontes entre as persoas. E penso que a sociedade na que vivimos necesita desa figura hoxe máis que nunca», sentenza Manuel Doval.

O centro penal de Pereiro, un referente

Profesionalmente, a vida de Manuel Doval leva vinculada ao centro penal de Pereiro de Aguiar desde fai máis de trinta anos. Alí ocupou distintos postos e chegou a ser administrador da prisión durante dous anos. Eran, ademais, tempos difíciles desde o punto de vista económico para o centro, lembra.

Segundo Doval, o cárcere de Pereiro é un das mellores que existen en España e unha boa mostra diso é que son frecuentes os presos que elixen este centro para ingresar voluntariamente e cumprir a súa condena. «Saben que vai ser máis levadeiro e con máis posibilidades de reinserción», di. Este éxito débese, segundo asegura, ao deseño da prisión, pero sobre todo aos traballadores que día a día fan este lugar un pouco máis acolledor (dentro do que cabe, claro).