A milonga da intermodal

Rubén Nóvoa Pérez
Rubén Nóvoa DESDE O meu BARRIO

OURENSE CIDADE

24 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A intermodal é algo así como o Falcon Crest da actualidade ourensá. Aínda que a verdade, un que segue a trama con moito interese hai xa tempo que lle pillou o punto ao argumento e deuse conta de que o guionista, ao máis puro estilo dun culebrón suramericano, non fai máis que dar voltas sobre o mesmo fío argumental. A trama é sinxela. Ourense é unha cidade de paso para ADIF na conexión entre Galicia e Madrid. Como non queda máis remedio que pasar por Ourense e adaptar a estación á chegada do AVE , soltou de mala gana un proxecto de mínimos para cubrir as vías, adaptar as plataformas, facer unha pasarela, unha praza e un aparcadoiro. A maiores, a Xunta trasladará a estación de buses. E ata aí o compromiso, porque resulta que as dúas infraestruturas craves para a cidade, como son o viario para conectar A Ponte e O Vinteún e unha gran zona verde que axude a romper a fenda entre ambos os barrios, xa veremos quen as paga. O resto é ruído político. O PSOE a defender agora o que din desde Madrid, cando non fai tanto bruaban por un proxecto irrealizable de Foster que custaba máis do dobre que o actual. O PP a estarse tapadito para que non se descubra que o convenio asinado aos catro ventos con Ana Pastor resulta que tiña un buraco de vinte millóns de euros. E o alcalde? Imaxino que camiño de Madrid para esixir con puño firme a Fomento o que é de Ourense, tal e como lle esixía a Jesús Vázquez cando estaba na oposición e acusáballe de claudicar ante os seus. DO, polo menos que se saiba, non ten ese hándicap.