En 1984 estreouse a comisaría e houbo un luctuoso suceso nunha empresa pirotécnica
OURENSE CIDADE
La Voz repasa os principais acontecementos do ano
18 ago 2019 . Actualizado ás 10:44 h.En 1984, a cidade de Ourense estreaba unha infraestrutura que a día de hoxe segue sendo un referente, trátase da comisaría de Policía. Tamén foi ano no que os ourensáns miraron ao ceo polos danos do temporal Hortensia.
Infraestruturas
A comisaría de Ourense, un referente. En 1984 abría as súas portas a comisaría da Policía Nacional, situada nas Lagoas. O inmoble, que aínda se considera un referente en materias de seguridade, destaca pola súa amplitude e por contar, entre outras instalacións, cun heliporto na súa cuberta, un polideportivo e unha galería de tiro. Foi deseñado polos arquitectos locais Javier Suances, o falecido Xosé Henrique Rodríguez Pena, Luis Antonio Chao e Luis Garayzábal. Este último destacaba, nunha entrevista en La Voz, que o deseño do heliporto fora copiado polo Ministerio do Interior para outras comisarías polo territorio nacional.
Temporal
O paso do Hortensia deixou un regueiro de danos. O temporal Hortensia, ao seu paso pola provincia de Ourense, deixou sen fluído eléctrico durante doce horas o centro hospitalario de Valdeorras e provocou, entre outras incidencias, o bloqueo da estrada N-120, á altura do quilómetro 543.
Sociedade
Rexeitamento ao peche de explotacións de minas. Preto dun centenar de traballadores das minas da Penouta concentráronse en Ourense despois de facelo en Viana do Bolo para protestar polo peche da mina, que era un referente empresarial para a comarca.
Suceso
Cinco mortos pola explosión dunha pirotecnia. A historia negra da provincia está salpicada de sucesos relacionados coas empresas pirotécnicas. Un dos casos máis tráxicos tivo lugar no ano 1984, no Concello de Ourense. A violenta explosión rexistrada na Pirotecnia Cabo de Sobral deixou cinco mortos e dous feridos graves.