«A anatomía e desfacer o creado é algo do que gosto de maneira particular»

OURENSE CIDADE

Diego Fernández

A artista e profesora inaugura no Liceo de Ourense unha mostra composta por pinturas e catorce colaxes

23 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Volve Elena Malleira (Ourense, 1970) á súa cidade e faino cunha proposta artística a base de dez pinturas e catorce colaxes, co tema do debuxo da figura humana como referencia. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, exerceu como docente na Escola de Arte Superior de Deseño Antonio Faílde e, dende hai catro anos, faino na Pablo Picasso da Coruña como profesora de Artes Plásticas e Deseño. Esta tarde, ás 20.00 horas, abre a súa exposición no Liceo de Ourense.

-Na información da mostra faise referencia ás «formas esvaecidas e deconstruídas coa cor e a materia como protagonistas».

-A mostra reflicte o traballo que fago dende hai uns anos. Hai tempo que me centro no corpo humano, no debuxo académico e en aspectos como redebuxar, reconstruír, desfacer... un pouco esa é a idea: deconstruír e volver a formar, refacer e crear algo, que está entre o fermoso e o estrano que se volve a construír.

-Por que o corpo humano?

-Góstame moito o debuxo académico, encántame. E o corpo humano é algo sobre o que traballo case sempre. A anatomía é algo do que gosto de maneira particular, e desfacer o que está feito. É esa idea de postmodernidade, de reconstuír outra cousa que non estamos acostumados a entender.

-Pintura e colaxe.

-Si. É a obra máis recente. Na pintura traballo coa anatomía humana desdebuxada e xogo coa luz -cores e luces, sobre todo a azul, son os meus elementos preferidos- e os colaxes son a evolución de todo iso: traballo sobre os meus propios debuxos e vou montando como quebracabezas, con diferentes pezas -unhas máis anatómicas, outras máis académicas- e mesmo con recortes xeométricos.

-Vexo no seu currículo que traballou en Galos?

-Foron dez anos dedicados ao deseño de cristal e porcelana. E logo xa foi cando me incorporei ao ensino. O contacto cos alumnos é o que me retroalimenta e me incentiva. É algo que sempre lle digo aos meus alumnos nas clases.