A Policía Local de Ourense localiza a un terceiro sospeitoso do intento de roubo nunha casa

La Voz OURENSE

OURENSE CIDADE

POLICIA LOCAL OURENSE

Os axentes atoparon a roupa que se quitou tras fuxir e mentres os seus presuntos compañeiros eran detidos

22 feb 2019 . Actualizado ás 20:47 h.

A Policía Local de Ourense identificou a un presunto implicado no roubo con forza nunha vivenda evitado onte na capital, abortado pola rápida chegada das patrullas municipais e grazas á colaboración cidadá. A investigación levada a cabo polos axentes permitiu comprobar que esta terceira persoa estivo nas inmediacións do lugar, preto da rúa Antonio Román da cidade de Ourense. O sospeitoso escondeuse nun local e quitouse a roupa que levaba e que era parecida á dos dous detidos: a saber, unha cazadora e unha gorra de cor negra, unha braga de pescozo escura e unhas luvas negras de la. O home, de 28 anos e natural da República Dominicana pero residente en Italia, estivo escondido ata que se foron os patrulleiros. Pero a roupa recuperouse dunha papeleira onde supostamente a guindou o sospeitoso.

A Policía Local non descarta que haxa un cuarto implicado neste feito e que formasen un grupo organizado dedicado ao roubo de domicilios, que acoden a asaltar despois de vixiar os costumes dos moradores. A policía municipal de Ourense está alerta pola preocupación polos roubos en vivendas e ante a primeira chamada de alerta enviáronse varias patrullas para montar un operativo que permitise localizar aos responsables, que foron achados case in fraganti, segundo comunicou o departamento.