O coordinador de Cidadáns en Ourense abandona tras a chegada de José Araújo

LA VOZ OURENSE

OURENSE CIDADE

Álvaro Vaqueiro

Alberto Rodríguez fixo pública a súa saída tras a presentación do exportavoz do PP

12 feb 2019 . Actualizado ás 15:55 h.

Despois de que se fixese pública a incorporación de José Araújo a Cidadáns, na mañá do martes, o seu coordinador provincial, Alberto Rodríguez, comunicou que abandonaba o cargo.

«Os motivos da miña dimisión son a incorporación da vella política a esta nosa agrupación coa intención de que lidere a nosa candidatura ás próximas eleccións municipais; non se trata de nada persoal con estas persoas, nin moito menos, trátase de que viñera a este partido porque representaba a rexeneración democrática, o cambio, o fin da vella política, a eliminación das portas xiratorias… pero parece que ao final cambiamos os nosos ideais polas solucións profesionais ofrecidas por quen sempre viviu, vive e vivirá da política, por aqueles que representan todo contra o que nós loitamos ou polo menos contra quen eu o había e seguirei facendo», explicou Rodríguez.

«Non se pode facer algo diferente coas mesmas persoas e personaxes que levamos varios anos loitando. Concretamente, respecto de Pepe Araújo e á súa concellaría denunciamos polo menos en 37 ocasións nun ano e medio a súa falta de profesionalidade, o seu deixamento político, a súa prepotencia e o total abandono da cidade», asegura o ata agora coordinador da formación laranxa na provincia .

Á hora de sinalar responsables, non deu rodeos: «Outras das motivacións para deixar o meu cargo é os malos tratos recibidos do Secretario de Organización de Galicia, Laureano Bermejo, de xeito constante; en ningún momento tivo nin o máis mínimo respecto pola nosa xunta directiva, nin cara ao meu cargo de coordinador. Fomentou (e segue fomentando) constantemente grupos de poder dentro da agrupación para desmotivar e desestabilizar (tanto que mesmo participa en grupos paralelos, non oficiais, de afiliados de Ourense. Certamente xa era coñecedor da súa mediocridade -non en balde foi sempre compañeiro de Agrupación-, pero pensaba que o feito de pórlle un soldo, o feito de que fose a súa profesión, cambiaría a súa estratexia que non é outra que divide e vencerás. A el agradecerlle que todo o asqueroso da política heino aprendido del a manipular, a enfrontar a compañeiros, a mentir, a quedar diñeiro de afiliados, a coaccionar o libre voto dos seus compañeiros… todo isto e máis, vino del; grazas, agora xa se o que entendes por política».

Rodríguez fixo balance lembrando que recolleu a agrupación de Cidadáns en Ourense con 35 afiliados e que a deixa con 80. Aludiu tamén na súa despedida ao barómetro de Sondaxe publicado esta fin de semana por La Voz de Galicia, segundo o que a formación laranxa podería acadar dous edís nas próximas municipais: «Deixo as portas abertas á obtención dun mínimo de dous concelleiros, xa veremos o que se obtén cos profesionais políticos».

E lanza un aviso a navegantes, sobre a análise que se poida realizar da súa saída. «Os de sempre dirán que que me vou porque quería ser candidato. A eles dicirlles que do mesmo xeito que moitos compañeiros eu fun dos que hei posto que non quería estar nas listas municipais (todos os que me coñecen escoitáronmo moitas veces). Tamén dicirlles que mentres o resto de coordinadores de Galicia afanábanse en colocarse eles e os seus compañeiros de executivas nas listas, desde a xunta directiva de Ourense indicouse que a lista a deixabamos en mans de Organización (certamente fose mellor que puxésemos os nosos nomes e loitásemos por organizar esas lista, seguro que nunca vendésemos os nosos ideais como outros si o fixeron)».