Autopsia xeracional dunha colección

A arte do coleccionismo, no Centro Cultural Marcos Valcárcel


Ourense

«Non son unha coleccionista. Son un museo». Peggy Guggenheim.

Dúas salas ocupa no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición Arte privada en Ourense. A súa reputada comisaria, Mercedes Rozas, crítica de arte de La Voz de Galicia e membro do padroado do Museo do Pobo Galego e historiadora, e Anxos Fernández pon en valor, a través desta excelente colección, o soberbio labor dos coleccionistas privados como protectores e mecenas da arte e da cultura.

Son estas familias e os seus tesouros artísticos os verdadeiros protagonistas da exposición coas súas obras como testemuñas da historia. Grazas á experta cualificación e xestión do comisariado pódense ver estas obras ocultas, reservadas para o ámbito privado.

O éxito da exposición se cimenta na visibilidade da obra así como no traballo dunha serie de expertos cuxa labor como investigadores, restauradores e historiadores da arte fan posible a catalogación da obra, a súa autenticidade e autoría, determinar os procesos de aprendizaxe e mestría na evolución dun artista.

Grazas ao labor destes mecenas da arte como custodios e conservadores dunha obra que pasa a ser pública, o coleccionismo non só se entende como investimento senón como proba da sensibilidade, gusto e coñecemento dos propietarios.

Esta exposición establece un percorrido cronolóxico a través das obras de grandes artistas europeos de XVI-XX con ampla representación en pintura e escultura e descubrimentos como Bassano, espello da pintura veneciana, os crepusculares atardeceres de Villaamil como unha aproximación ao romanticismo alemán de Friedrich vinculándose a leste no gusto pola representación de interiores góticos e ruínas de catedrais, que recrean o paso do tempo coa introdución da visión existencialista do sublime no ocaso, coa voz do tempo na paisaxe como memento mori. Da Escola de Barbizon, unha paisaxe de Rousseau. A xeración doente está representada por Ovidio Murguía e Parada Justel coa familia do anarquista o día da súa execución, dúas dos integrantes desta perdida primeira xeración de artistas galegos contemporáneos que se completa con Jenaro Carrero e Joaquín Baamonde Cornide, falecidos ao redor dos 30 anos.

Paisaxistas como Taibo, Carlos de Haes; o iluminismo de Sorolla coa magnífica obra Cabeza de neno morto remite á fotografía post-mortem do XIX; a modernidade chega a Galicia da man de Cándido Fernández Mazas, ilustrador de Nós e Pártea e transmisor das vangardas dos anos 20 e 30, o impresionismo de Arturo Souto remite a Nonell, o extraordinario barroquismo románico de Laxeiro, o surrealismo de Eugenio Granell e Dalí, esculturas de Benlliure, Rodin e Asorey entre outros grandes artistas que compoñen esta soberbia colección.

Para realizar este encomiable labor, os coleccionistas, previamente apostan polo estudo das súas obras, que require dunha transversalidade nos coñecementos nun método que aúna ciencia, tecnoloxía, arte e historia.

Hoxe en día, o estudo das obras de arte vai máis aló da análise estilístico avalado tradicionalmente pola figura do experto, técnico ou perito fiable e experimentado a través do seu coñecemento erudito nunha materia específica ou autor.

Os investigadores e conservadores examinan a obra de arte como forenses a través de múltiples análises de laboratorio, raios X, microscopía, infravermellos, periciais caligráficas para certificar a autenticidade das firmas, análise química dos materiais… probas que permiten certificar e garantir a natureza da obra e do seu autor, así como a historia material da obra e a súa posible restauración. Este método denominado arqueometría (investigación científica) é empregado en museos como O Prado, Louvre ou Thyssen, así como nas universidades, onde actúan mediante este procedemento para investigar as súas coleccións. Desta nova xeración destacan figuras como Greta García en Valencia, experta en Amadeo Modigliani, a especialista en Parada Justel, Belén Lorenzo Rumbao, e a investigadora de recoñecemento en Galicia, Natalia Figueiras, con figuras como Villaamil, Goya ou Fortuny, entre outros, presentes na exposición.

Coleccionismo, comisariado, restauración e investigación se aúnan de xeito global para que da obra de arte adquírase un coñecemento integral que se fundamente na ciencia, historia e arte.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
1 voto
Comentarios

Autopsia xeracional dunha colección