Manuel Mella: «Grazas a La Voz, localicei á muller que me atropelou»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

OURENSE CIDADE

MARTINA MISER

A condutora que golpeou a este home en Ourense presentouse na policía ao ler que intentaba dar con ela

15 ene 2019 . Actualizado ás 20:26 h.

O día 2 de xaneiro, Manuel Mella pedía axuda desde as páxinas de La Voz de Galicia. Este home, que vive dacabalo entre Ourense e Vilagarcía, fora atropelado antes do cambio de ano e necesitaba atopar á muller que conducía o coche. Os feitos ocorreran na cidade das Burgas o 27 de decembro. E seis días despois, o mesmo día no que saíu publicada a súa petición de axuda, a muller cuxo coche o golpeou presentouse na Policía Local de Ourense para facilitar todos os datos que lle foron requiridos.

«Grazas ao xornal puiden dar con ela», di Mella, quen enseguida aclara que a muller en ningún momento pretendeu darse á fuga. De feito, o día 27 a condutora detivera o seu coche, baixouse do mesmo e interesouse polo estado do home, que é invidente. «O fallo que cometín é que non lle pedín os datos, pero é que no momento pensei que non me pasou nada», explica Manuel. «Pero logo resultou que si». Ao día seguinte, xa de volta en Vilagarcía, sentiu fortes dores e tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital do Salnés. Diagnosticóuselle tendinite nun ombro e durante un tempo permaneceu cun pé e un xeonllo vendadas.

Foi entón cando Manuel quixo dar coa condutora para que o seu seguro se fixese cargo do ocorrido. «E non sabía como facelo». Moitas opcións, relata, non había. O suceso habíase producido na rúa Dalí, en concreto no paso de peóns que hai no seu entroncamento con Faustino Míguez. «Non é unha arteria principal, é unha rúa un tanto secundaria e dixéronme que por alí non había cámaras instaladas que puidesen ter gravado algo», explica. Tampouco el podía achegar demasiadas pistas sobre o coche. Ao ser invidente, non dispuña de datos nin sobre o modelo, nin sobre a cor do vehículo. O que si lembraba claramente Manuel é que, ademais da condutora do turismo que o golpeou, no seu socorro acudiu unha segunda persoa. Un home ao que tamén ía dirixida a petición de axuda lanzada a través do xornal.

A mensaxe chegou por ese camiño ata a muller que pilotaba o vehículo, e que golpeou a Mella cando estaba facendo unha manobra de marcha atrás nun paso de peóns «bastante grande». A muller presentouse nas oficinas da Policía Local de Ourense, a cuxos axentes o protagonista desta historia quixo dar as grazas. Igual que ao departamento da Policía Local de Vilagarcía, cuxos integrantes «colaboraron comigo e estiveron moi atentos a todo o que ocorría».

«Estou seguro de que a condutora en ningún momento obrou con mala intención. Cando foi o golpe baixouse do coche, preguntoume como estaba e de todo. E ademais, se tivese mala intención non se presentou na policía, porque non sería doado dar con ela». Afortunadamente, neste caso gañou a boa fe.