«Nas redes sociais son habituais os ataques ás páxinas feministas»

Marta Vázquez Fernández
marta vázquez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

MIGUEL VILLAR

As investigadoras ourensás Yolanda Rodríguez e Patricia Alonso administran a web Psicosexualidad, que  ten case 50.000 seguidores en Facebook

01 dic 2018 . Actualizado ás 15:51 h.

Psicosexualidad. Así se chama a páxina de Facebook que hai uns anos puxeron en marcha un grupo de docentes do campus de Ourense co obxectivo de que a inquietude e o coñecemento que se xera nas aulas académicas transcendese ao ámbito universitario. Seis anos despois do seu nacemento a web ten xa preto de cincuenta mil seguidores -a cifra exacta esta semana é de 49.473-, unha cifra que demostra que un proxecto deste calado era necesario.

«Somos o grupo de investigación Saúde, sexualidade e xénero, e o noso obxectivo inicial era facilitar información e formación na dimensión sexual das persoas. Tamén queremos favorecer a reflexión e a conciencia crítica ante as distintas situacións discriminatorias e de violencia que sofren as mulleres, principalmente, e tamén as minorías sexuais»», explica Yolanda Rodríguez, administradora da páxina xunto a Patricia Alonso.

A web organízase sobre tres alicerces. Por unha banda están os contidos relativos a saúde sexual, e por outro os relacionados coa igualdade, que en realidade son o eixo vertebrador de todo o que se traballa. «Tamén incidimos moito nas situacións de violencias múltiples que sufrimos as mulleres e outros colectivos vulnerables: menores, homosexuais, lesbianas, transexuais, etc. Ademais, fixámonos no relativo a trátaa, a prostitución ou abusos sexuais a menores», sinala Yolanda, que lembra que «o que queremos é dar maior visibilidade ás violencias imperantes na nosa sociedade».

Día a día encárgase xunto á súa compañeira de facer un baleirado das noticias, seleccionando as que consideran interesantes. «Facemos unha reflexión en base ás nosas ideas e á nosa identidade como páxina», explica.

E aínda que son moitos os seguidores, o certo é que tamén hai a quen non lle gusta que se fale destes temas. «Sufrimos ataques misóginos, hai menos dun mes tivemos o último», conta a docente, que explica que «o que nos fan é subir contido porno na nosa páxina para que nola pechen, é algo moi habitual nas webs feministas. Hai correntes que tratan de boicotearnos, ataques cos que se pretende taparnos a boca para que non teñamos repercusión».

Pero este tipo de condutas lonxe de desanimarlas, reafírmaas no seu traballo diario e na necesidade de manter a súa páxina. «Este tipo de iniciativas son esenciais. É raro o día que non teñamos consultas relativas a educación sexual, especialmente de mozas novas ás que lles preocupa un embarazo non desexado», conta a administradora, que advirte que nestes casos «nós derivámolas ao profesional médico da súa zona».

 Desde Lationamérica

Moitas desas consultas, proceden de seguidores de Latinoamérica. «Temos moita interacción con xente destes países. Hai veces que nos preguntan sobre algún tipo de conduta nunha relación sexual, pero non nos corresponde a nós valorar iso porque non somos sexólogas, senón educadoras sexuais. En todo caso, iso evidencia que hai moitas carencias sobre educación sexual», advirte a docente.

Deixa claro, por se alguén o pon en dúbida, que nunca pagaron para promocionar a páxina e conseguir así máis seguidores. «Creo facemos un bo labor, polo menos así o intentamos. Todo é a base de quitarlle tempo a outras cuestións, pero cando vemos os comentarios da xente pensamos que algo estamos a facer ben; só con que teñamos axudado a algunha persoa é moito», di.

As publicacións que implican posicionamentos críticos sobre algunha cuestión adoitan ser as que teñen máis impacto na rede social. «Aínda existe demasiada discriminación na nosa sociedade, moita violencia e, ademais, temos moi pouca educación sexual», resume esta educadora, que cre necesario que esta formación se integre nos programas educativos. Só así, cre, poderanse empezar a cambiar cousas.