Unha plataforma pedirá aos partidos de esquerda que se unan en Ourense

OURENSE CIDADE

MIGUEL VILLAR

«É tal o desbaraxuste que hai nesta cidade, que é necesaria unha alternativa», di o ex líder sindical Etelvino Blanco , un dos promotores da iniciativa

18 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Unir aos partidos de esquerdas é o único modo de forzar un cambio político na cidade. Con ese convencemento, un grupo de ourensáns mantén contactos desde hai semanas para formar unha plataforma cidadá que impulse a unidade de todas as formacións políticas que se sitúan á esquerda do taboleiro político. Os promotores desta iniciativa son expolíticos e mesmo militantes activos dalgúns dos partidos interpelados, tamén persoas sen afiliación, así como sindicalistas e líderes do movemento veciñal. Esta mesma semana reuniranse e está previsto que nos próximos días redacten e fagan público un manifesto.

«Se iso ao final desemboca na configuración dunha candidatura para participar nas eleccións municipais do ano 2019, verase co tempo», di Etelvino Blanco , ex secretario comarcal da CIG en Ourense. El é un dos principais impulsores desta plataforma, pero asegura que están a traballar nesta liña personaxes «cun peso importante xa na cidade», aunque por ahora no da nombres concretos. Destaca, especialmente, a implicación de dirixentes do movemento veciñal. A súa identidade farase pública xunto ao manifesto. «Isto non é cousa só do Etelvino», advirte o exsindicalista.

Ese documento, segundo indica Blanco , será un chamamento dirixido a todos os partidos políticos de esquerdas para que se unan e, dese modo, derrotar ao Partido Popular e impedir ademais a expansión de Democracia Ourensá, «outro partido de dereitas», di o ex secretario comarcal da CIG. «É tal o desbaraxuste que hai nesta cidade, que é necesaria unha alternativa», resume Blanco , que fala de parálise no ámbito cultural, de crise demográfica ou mesmo de sucidade e falta de mantemento en rúas e parques.

Desde a plataforma non agardan, en todo caso, unha resposta positiva do PSOE, pero si doutras formacións políticas. A pesar da súa negativa en anteriores ocasións a este tipo de alianzas, dirixiranse ao BNG. Tamén a Compromiso por Galicia ou a Anova, que xa ten a destacados militantes traballando nesta dirección. Neste sentido, hai que ter en conta que o partido de Xosé Manuel Beiras está en terra de ninguén a nivel electoral en Ourense ao quedarse á marxe da marea ourensá. En todo caso, o chamamento da nova plataforma irá destinado tamén a Ourense en Común (e ás forzas que a apoian, como Podemos e Esquerda Unida). «Con dous, tres ou catro concelleiros non se fai nada. Xa se ten visto», explica Etelvino Blanco en referencia á actual representación de OUeC na corporación municipal (ten tres edís de 27).

En todo caso, Ourense en Común xa ten un candidato, Martiño Xosé Vázquez, e a súa maquinaria electoral está en marcha. De feito hoxe recollerán propostas no barrio do Pino.