Goles para agardar o arranque

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

YEDRA SEARA

A UD Ourense gaña (0-3) ao Celanova no seu último amigable

20 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Fin das probas. Tras o resaibo algo amargo do sábado, a UD Ourense finalizou a súa pretemporada cun emotivo amigable en Celanova, onde se homenaxeou a Tito Currás, ex de ambos os equipos, e nos que deixou pegada. A nivel futbolístico, o equipo rojillo rematou con mellores sensacións e cunha clara vitoria (0-3) fronte ao Sporting Celanova, de Primeira Autonómica. Toca pensar xa esta semana en clave de liga e en ver como inicia o equipo o que se prevé como unha tempada moi esixente nunha categoría con moitos equipos reforzados e competitivos. Entre eles, o primeiro rival, un Ribadumia que vén de gañar ao Coruxo para facerse cunha praza na final galega de Cópaa Federación. Luis Carro, o seu adestrador, dicía onte na Radio Galega que ve á UD Ourense como un «rival complicado» e que a categoría será moi «atractiva».

Pola súa banda, o técnico unionista, Fernando Currás, dispuxo onte en Celanova un once formado por Pato, Carlos Pérez, Codeso, Pablo Corzo, Aitor Martínez, Fran Martínez, David González, Adrián Presas, Adrián Rodríguez, Hugo García e Dacoba. Na segunda parte, entraron Carral, Marquitos, Jony, Rubén Arce, Isma Martínez, Villar, Miguel Seguín, Hugo Rodríguez e Óscar Soto.

Adrián Rodríguez, o dianteiro, adiantou á UD Ourense aos sete minutos, tras encarar a dous defensas branquiazuis e superalos para o remate a gol. O vigués está a ter pegada nos amigables. Seguiron as ocasións para os ourensáns, aínda que Pato tamén tivo que intervir ante unha oportunidade local. Acto seguido, Hugo García aproveitou un descoido do Sporting para sumar o segundo antes do descanso.

Na segunda parte, a UD Ourense seguiu levando o peso do encontro. A mobilidade de Marquitos deu problemas aos locais, que no entanto tentaron a portería defendida entón por Carral. Na recta final, Jony, outro dos que viron portería na pretemporada, sumou o terceiro definitivo para unha UD Ourense que xa cambia o chip.