Duelo Iván Salgado-Paco Vallejo á vista

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

CEDIDA

Os números uno do Xadrez Ourense e do Laboratorios Sys poderían enfrontarse hoxe no campionato de clubs en Linares

16 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O club Xadrez Ourense sumou onte a súa segunda vitoria no campionato de España de clubs de Segunda División que se disputa en Linares (Xaén). Son 28 equipos os que compiten e o ourensán aspira a lograr unha das dúas prazas que dan dereito ao ascenso a primeira.

Tras a vitoria na primeira xornada ante o Xadrez Roquetas, o Xadrez Ourense quedou emparellado para a segunda rolda, que se xogou onte pola mañá, con outro equipo galego, o Universidade de Santiago, que foi campión da liga galega 2018.

A batalla nos taboleiros foi longa. Durou case catro horas, pero finalmente lograron imporse os xadrecistas ourensáns cun resultado de 3-2. Sumaron vitorias os irmáns David e Adrián Gómez Diéguez e empataron Yudania Hernández e Iván Salgado. Tras disputar dúas roldas, o equipo ourensán marcha segundo o previsto, tendo sumado os catro puntos en xogo.

A terceira rolda xogouse onte pola tarde e o Xadrez Ourense tívose que enfrontar ao Excalibur de Albacete, un mozo e reforzado conxunto. Os ourensáns impuxéronse por 1-4. Gañaron as súas partidas, Jorge Viterbo, David Gómez Diéguez, Yudaina Hernández, e empataron Adrián Gómez e Iván Salgado. O gran mestre ourensán é o capitán do equipo da súa cidade nesta ocasión.

Na rolda cuarta, que se disputa mañá desde as 17.00 horas, o Xadrez Ourense, que leva seis puntos na clasificación, terase que medir ao outro gran favorito do campionato, o Laboratorios Sys de Paterna (Alacante), que conta no seu conxunto co número uno español do xadrez, Paco Vallejo. Será un duelo entre dous dos principais aspirantes ao ascenso. E o duelo entre os xogadores da mesa uno de cada equipo, Iván Salgado e Paco Vallejo, presúmese como un dos máis interesantes destas xornadas. En canto á puntuación Elo, Vallejo supera en cen puntos a do ourensán, pero unha partida gañada por Salgado a este rival podería facerlle subir nesta cualificación.

O terceiro equipo que sumou todos os puntos posibles é o Caixa Selecta. Son os únicos tres que levan seis puntos. Aínda que aínda falta máis da metade do torneo por disputar pois se decide en sete roldas, ata o sábado.