«O fútbol sala, se leva apelido feminino, é coma se non existise»

lucía martínez / m. r. OURENSE/ LA VOZ

OURENSE CIDADE

Santi M. Amil

A ourensá acaba de ser nomeada vocal da Asociación de Xogadoras de Fútbol sala Feminino

13 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A ourensá Marta Figueiredo compaxina día a día dúas das súas grandes paixóns, a percusión e o fútbol. Ao segundo leva desde os cinco anos xogando e xa se fixo todo un nome en Primeira División co Ourense Envialia. Recentemente, acaban de nomeala vogal da Asociación de Xogadoras de Fútbol sala Feminino.

-Cando xorde e que obxectivos persegue esta asociación?

-Naceu en 2010. Eu coñecina cando entrou como presidenta Natalia Orive, que foi cando máis se moveu. Creo que todas as xogadoras e tamén exfutbolistas deberían de pertencer a ela, xa que che soluciona calquera dúbida ao momento. Os seus obxectivos son protexer ás xogadoras, loitar polos seus dereitos e solucionar calquera problema que se atopen.

-Que actividades levan a cabo?

-Principalmente, dan visibilidade, porque ao final o fútbol sala, e sobre todo se leva o apelido feminino, é coma se non existise. Xa sabemos como é isto, se non sales nos medios parece que non existes, que non tes valor. De feito, hai xente aquí en Ourense que non sabía que ata o ano pasado había dous equipos en Primeira División. Para divulgalo, fan entrevistas e vídeos das mellores paradas, dos mellores goles da xornada... Tamén fan unha revista mensual, ofrecen bolsas e mándanche correos con ofertas de traballo.

-Cre que é necesario unha asociación destas características?

-Si, evidentemente. Eu, por exemplo, tiven algúns problemas para compaxinar a música co fútbol. O ano pasado estiven estudando o posgrao de especialización orquestral, que pertence á Universidade de Santiago, e pagáronme unha parte. Ademais, se tiña clases de música os venres e xogaba en Barcelona, non podía ir a clases. Entón, chamei a Orive e o avogado da asociación, Eduardo Meléndez, escribiume unha carta na que, por ser eu deportista de alto nivel e rendemento, o Estado debía protexer a xogadoras como eu e pór facilidades.

-Algún outro caso que coñezas que se resolveu grazas á asociación?

-Si. Unha das nosas xogadoras estivo a xogar nun equipo de Primeira División e non lle pagaron nada durante o ano que estivo, incumprindo o contrato. Anos despois, decatouse de que había a asociación e, ao levalo a xuízo, conseguiu cobrar todo o que asinara.

-Como ves a situación deportiva para as mulleres?

-Actualmente o fútbol sala é un hobby, a nivel do que vas cobrar e do que che vaia a xerar economicamente. Pero, a nivel de sacrificio e de dedicación, é profesional, porque adestras case todos os días. Sendo de Primeira División ninguén se cre que non poidas vivir do fútbol, porque estás en primeira e es internacional, pero non. O meu traballo é a música, inténtoo compaxinar e por agora vaime moi ben, pero é moi complicado dedicarse ao fútbol só. Un mozo que xogue en segunda xa cobra moitísimo máis que calquera xogadora de primeira. Igualdade de condicións, cero. As esixencias son as mesmas, pero a visibilidade, non. Eu son consciente de que non xeramos o mesmo que eles, pero é unha roda. Nós pomos nosa parte pero se os medios non nos televisan... Confío en que se seguimos dando o mellor a situación cambiará.

-Crees que co asociacionismo a situación irá a mellor?

-Si, a verdade é que xa vai a mellor. Para o ano, por exemplo, vaise xogar a primeira Eurocopa feminina de fútbol sala e iso é unha evidencia de que algo está a cambiar, de que está a crecer.

-Que sensacións tes coa chegada da nova tempada?

-Estou moi ilusionada porque empezamos cun equipo novo. Volve Morenín, que é o adestrador co que ascendín a Primeira División e é moi bo. E logo veñen mozas moi noviñas, con ganas de aprender e ilusión. Teño moitas ganas.

-Cales son os obxectivos a conseguir?

-Primeiramente, tentear como vai, porque xa só vindo un novo adestrador exponse unha forma nova de xogar. Agardo que nos adecuemos ben a ese sistema de xogo. Logo iremos partido a partido, pero eu son moi ambiciosa, quero entrar en copa.

-E falando de copa, fostes campioas a tempada pasada, foi esa una das túas mellores experiencias?

-A mellor. O ano pasado foi moi especial. O meu avó falecera un mes antes e era o máximo afeccionado. Cando me fun despedir del no hospital, preguntoume pola copa e eu díxenlle que a iamos gañar, prometinllo. E ao final... Foi moi emotivo. Ademais xogamos contra os equipos máis difíciles.