Tachan de «escasa, ruin e nula» a resposta pública ante os atentados que sofre o Barbaña

Ríos Limpos ve positivo o xuízo pola vertedura do 2009, pero cre que a Xustiza «ten que mellorar»


ourense / a voz

O xuízo celebrado esta semana en Ourense pola vertedura tóxica que en xuño do 2009 matou a 17.000 peixes e destruíu o ecosistema ao longo dun tramo de cinco quilómetros do río Barbaña puxo sobre a mesa a dificultade que existe para localizar a quen verten augas ilegais aos ríos. Así o advertiron onte desde a plataforma Ríos Limpos. Aínda que consideran que o feito de que se celebrou unha vista penal por aquel asunto -no que se sentaron no banco dos acusados dous responsables da empresa que xestionaba a depuradora de San Cibrao-, foi positivo para a visibilización do problema, cren que queda moito camiño que percorrer. «Entendemos que se cumpriron unha boa parte dos nosos obxectivos, que eran sensibilizar e conseguir que este gravísimo problema da contaminación e maltrato a este río, tan emblemático da nosa cidade e dos concellos limítrofes, non quedase no esquecemento», aseguraron onte desde este colectivo, aínda que recordaron que os ataques que sofre o río debido ás verteduras son continuos, e tacharon de

«escasa, ruín e nula» a xestión que desde as administracións de dá a eses «atentados ecolóxicos que certos empresarios cometen día tras día e semana tras semana neste canle fluvial».

Recordaron que o proceso xudicial foi resultado, polo menos en parte, da presión que desde que ocorreu a vertedura exerceron as asociacións veciñais Seixalbo, Barbaña e Ponche Noalla, presentadas como acusación popular na causa, e advertiron tamén de que se evidenciaron algunhas graves deficiencias. «Os verdadeiros culpables non están no banquiño dos acusados e tampouco se lles espera», aseguraron a través dun comunicado, lamentando que a xestión das estacións depuradoras «se lle entregue a empresas que despois xestionan de xeito deficiente estes sistemas e a pesar de todo non se lle retira esa administración».

Lamentan desde Ríos Limpos que por estes feitos ningún responsable público teña presentado a súa dimisión e cren que en materia de medio ambiente, «a administración de Xustiza ten moito que mellorar e traballar». A sentenza polo xuízo do Barbaña coñecerase nunhas semanas.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
2 votos
Comentarios

Tachan de «escasa, ruin e nula» a resposta pública ante os atentados que sofre o Barbaña